Nacín en Roás (Terra Chá) o ano 1952, fillo de labregos con lugar pola renda; meu pai era republicano e comunista, o mesmo ca meu padriño, que era seu irmán e moito máis vello ca el; un tío de miña mai foi tenente das milicias republicanas que defenderon Madrid; gústame telo sempre presente. Fixen o bacharelato en Lugo, e non seguín outros estudos académicos. Manuel María foi o meu grande mestre de poesía. En 1968 ingresei na UPG, cuxo espírito nunca deixei; agora estou coa FPG. De
Entre os meus libros, que seráns uns corenta, gústame lembrar: de poesía, Romanceiro da Terra Cha (1973), VIII fragmentos (1987), Amor e tempo liso (1987), Patria do mar (1989), Canta de cerca a morte (1994) e Cabalgada na brétema (2006); de narrativa, Galván en Saor (1989), Fortunato de Trasmundi (1990), Vidas senlleiras (1992), O cervo na torre (1994), Morte de rei (1996), e Mitos e memorias (2003). Fixen tamén varias antoloxías de poesía galega, e algúns estudos históricos como Modios e moios: nota sobre metroloxía galega medieval, A chegada a Lugo do primeiro tren e Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo. Publiquei traducións do Cancioneiro de Petrarca (unha en 1989 e outra nova no 2012), d’A Divina Comedia e a Vida nova de Dante, e d’Os Tres Mosqueteiros de Alexandre Dumas; pola d’A Divina Comedia foime outorgada a medalla de ouro da cidade de Florencia. Compilei e traducín unha Antoloxía do Dolce Stil Novo e outra d’Os trobadores de Occitania. No ano 2003 reuniuse nun volume, baixo o título de Vinte cadernos, toda a miña obra poética anterior.
[Agosto, 2013]