Daniel
Landesa

Si, agora seino con exactitude.

O 29 de maio de 1985 a violencia tinguiu de sangue as gradas de Heysel.

Daquela eu só coñecía o deporte rei tras abandonar un adestramento do CF Coia. Un adestramento durísimo no que me interesou por vez primeira e última ese deporte abominable. Apenas contaba oito anos.

O 19 de setembro de 1985 México tremeu nun sismo que gravou na miña mente o horror.

Cando era cativo a miña madriña tiña unha tenda de lás na que tamén vendía roupa interior. Un ano regaloume un pixama azul co transbordador espacial Challenger bordado no peito.

O 28 de xaneiro de 1986 decidín que había ser poeta.

A guerra fría daba as últimas lambetadas no imaxinario dunha xeración. O terror remataba ao fin. Pero o 26 de abril Prípiat fixo bum e devolveunos a fe no medo.

Crecín observando a Magic Johnson dar asistencias.

Todo isto pode que teña pouco que ver con que eu escriba cousas, ou tal vez todo, quen sabe. O caso é que por unhas cousas ou por o utras acabei dando co meu maltreito corpo aquí.

Filólogo para desgracia da miña conta corrente e orgullo da parede onde os meus pais colgaron a orla. Creativo, enquisador, comercial de desparafusadores, bolseiro, desempregado, xefe de comunicación, amo de casa, docente, chaqueta vermella en el corteingles, adestrador deportivo, conferenciante, borracho gracioso ou pai de familia son parte do meu currículo profesional ademais de narrador esporádico, escritor con vocación poética e membro de Poetas da Hostia.

Publicacións, premios e outras cousas sen importancia:

Caramomia. Xerais, 2023 [novela]

Penumbra. Xerais, 2019 [novela]

Da casa nova, Emerxente editora, 2014 [poesía] -reeditada polo autor en liña e de balde vía 'A vida en Prypiat'.

Ningún paxaro exótico, A vida en Prypiat editora. 2017 [poesía]

Unha sorpresa para Goruk, Editorial Galaxia, 2012. [álbum ilustrado] **descatalogado

– "O rapás que veu d'aló", en www.temposdixital.com. [relato curto]

http://temposdixital.com/td/cultura/11/tempo-de-contos-o-rapas- que-veu-dalo/

- "Acróbata", "Último reparto" e "Calma". Dorna. Expresión poética galega. 2009 nº 33. [relato curtísimo]

- Gañador do VIII Premio de Narración Curta Happy Curtis polo relato "Abercrombie". 2012. [relato curto] [proximamente na rede]

- 1º Premio de Poesía da Universidade de Vigo ano 2001 por Gallaecia. Publicado no volume Premios da Universidade de Vigo, Edicións Xerais de Galicia. [poesía]

- Accésit de teatro. Universidade de Vigo ano 2001. Publicado no volume Premios da Universidade de Vigo, Edicións Xerais de Galicia. [teatro]

- "Sairasme da entraña como última negación". Coroa poética a Urbano Lugrís. Colectivo A Nave das Ideas. 2011.

- Placentaria. Verbum. Casa das Palabras. 2010. Xunto a ilustradora María Longa. [performance]

- Beautiful Juana. Verbum. Casa das palabras. 2010. Xunto ao músico César Carácter. [performance]

- O medo. Gaiás, Cidade da Cultura. 2012. Xunto ao músico Nacho Muñoz e a fotógrafa Andrea Costas. [performance] [Texto: Proximamente na rede]

- Abandonos. Autopublicación na rede. [minipoemario]

- Nunca roubei nun supermercado, aínda que unha vez tiven un altercado nun Seven Eleven.

- No ano 1988 corrín a carreira de fin de curso do colexio. Quedei terceiro e non me deron medalla.

[Novembro, 2023]