Claudia Castro naceu no barrio compostelán d'O Castiñeiriño o 30 de decembro de 1972. É licenciada en Xornalismo e Filoloxía Inglesa pola USC e diplomada en Socioloxía pola UNED. Leva traballando no eido da comunicación dende 1995. Dende 2011 reside coa súa familia (Toño, Darío e Xulia) no lugar de Penelas, en Teo. Boa parte do seu tempo transcorre en Corme, na Costa da Morte.
En 2003 obtivo o I Premio Duck Fin de poesía co poema "De cando os anxos aínda tiñan sexo" e o accésit do I Certame de Microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña con "Retrato dunha muda". En 2005 os seus versos acadaron un recoñecemento no V Concurso de e-poemas do diario La Vanguardia. En 2017 foi galardoada co segundo premio do Certame de Poesía María Mariño con Ela, muller en reconstrución, así como co primeiro premio no Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro.
En decembro de 2005 publicou o seu primeiro libro individual Adagio para unha viaxe silente, da man da editorial Follas Novas na súa colección Libros da Frouma. En 2007 participou co poema "Soños de tubérculo" na edición colectiva Letras Novas, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. En 2018 sae do prelo o seu segundo libro individual Ser, corazón e boca, da man de Editorial Medulia e en 2019 Galicia, o país das marabillas, o seu primeiro libro de poesía para cativos, na colección Árbore da Editorial Galaxia.
O compositor Fernando Vázquez Arias púxolle música a catro poemas seus: Amor é mar, Corme, Camiño dos faros e Azul.
Claudia Castro é o nome literario de Mercedes González.
[Xaneiro, 2021]