Celia
Parra Díaz

Ourense, 1990. Dedícase á produción audiovisual e á poesía. En 2018 publica o seu último poemario, Pantallas (Editorial Galaxia). Co seu primeiro poemario, No berce das mareas (Ed. Fervenza, 2009) acada o Premio Avelina Valladares, ao que seguen diversos recoñecementos. Neste tempo, a autora ten publicado poemas en revistas como Dorna, Luces, Oculta Lit e en xornais como O Salto Galiza. Forma parte das antoloxías No seu despregar (Ed. Apiario, 2016), 13. Antoloxía da poesía galega próxima (en edición bilingüe Galego-Castelán por parte de Ed. Chan da Pólvora e Papeles Mínimos, 2017) e Calpurnias, mulleres poetas ourensás (Ed. Cuestión de Belleza, 2019).

Interésase pola hibridación da poesía con outros formatos e especialízase en videopoesía. Co seu videopoema “Adondar a lingua” gañou festivais internacionais como Versi di Luce (Italia) e Light Up Poole Poetry Film Competition (Reino Unido), e recibiu o 2º premio (compartido) de videocreación Xuventude Crea (Galicia). Outros videopoemas seus teñen sido seleccionados en diversos festivais arredor do globo: Ó Bhéal Poetry-Film Competition (Irlanda), Rabbit Heart Poetry Film Festival (EE.UU.), Muestra Internacional de Vídeo Experimental Ojo de Perro (México), Festival Silencio (Portugal), Salerno Letteratura Festival (Italia), Maldito Festival de Videopoesía (España), International Videopoetry Festival of Athens (Grecia) e VI CYCLOP International Poetry Film Contest (Ucraína).

Foi impulsora, creadora da idea orixinal e produtora executiva de Versogramas (Belén Montero e Juan Lesta, 2018), considerado o primeiro documental do mundo arredor do panorama internacional da videopoesía. Versogramas foi publicado tamén en formato libroDVD pola Editorial Galaxia.

Actualmente traballa como asistente de produción executiva en Setembro Cine e como coordinadora da Asociación Sindical Galega de Guionistas.

[Setembro, 2019]