
Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos.
Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. En 2024 participou na Residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón.
Ten escrito sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 as mulleres internas no manicomio de Conxo son as protagonistas absolutas da súa obra, a través dun traballo de investigación que culminou coa publicación do ensaio As tolas que non o eran (Galaxia, 2025).
En outubro do 2025 recibiu o Premio Narrativa Breve Repsol pola novela Illa de sangue, publicada en novembro do mesmo ano por Editorial Galaxia.
[Novembro de 2025]
