Puxéronme de nome María del Carmen González Vidal, pero como autora abrevieino a só Carmen González.
Nacín no outono de 1962 nun lugar ben fermoso da Ría da Arousa. En Ribeira. Onde un anaco do océano Atlántico baña a nosa costa e fúndese na area da preciosa praia do Vilar. Como vixía, na parte máis saínte, o faro de Corrubedo. E, na parte máis alta, no monte da Cidade, o miradoiro da Pedra da Rá, desde onde se ven os máis espectaculares atardeceres.
De sempre me gustou xogar coas palabras e artellar historias. Lembro, de nena, escribir pequenas obras de teatro que logo escenificábamos xogando miña irmá e máis eu.
Gustábame escribir, gústame, polo que seguín sempre facéndoo, con contos e pequenos relatos escritos en papeis que acababan traspapelados entre cadernos ou como marcapáxinas nalgún libro. Sen máis pretensión que o pracer da escrita.
Un día dúeseme por escribir algo un pouco máis longo, un pouco máis complexo, e desa iniciativa naceu a miña primeira novela, A Forcadiña.
[Outubro de 2026]
