Bieito
Iglesias

O autor exerce de cazador de bolboretas, de efémeras actualidades que os lectores poden atopar desecadas nas columnas de A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Grial, Galicia Internacional, Tempos Novos... Tamén é responsable da dobraxe ó galego de certas voces victorianas: Biblioteca Sherlock Holmes (1995-1997, nove tomos). Todo isto a partir dos 30 anos. Antes estivo moi ocupado en nacer e criarse nos bairros ourensás de Quintián e A Chavasqueira, ó pé do Miño, dos ciganos, dos labregos transplantados dos Chaos de Amoeiro e de Brunilda (nome co que se coñece o virus da poliomelite). Entre os cinco e os once anos morou nos lugares de Pol e Figueiredo -Concello de Coles-, onde o deixaron, a cargo dos avós, os pais emigrantes. Alí recompilou un arsenal de anécdotas e aprendeu o dialecto no que, basicamente, escribe. Entrou en contacto serodio coa literatura galega. Ás dazasete primaveras só tiña lido unha obra en vernáculo, a lenda estampada nun cinseiro: Amigo que non dá e coitelo que non corta, pouco importa. Esa experiencia non o converteu en literato da noite prá mañá. Dedicou aínda tres lustros á independencia de Galiza e a revolución socialista, a conquistar unha muller e gañar a vida. Contra a norma xeral, nunca cambiou de partido nin de compañeira, e si de lealdade futbolística, oficiando de infante merengue, e de blaugrana ó nacerlle a moa do xuízo.

Polo de agora a súa bibliografía máis salientable é a que segue:

- [1988] Luanda, relato premiado no certame de narraciós breves Modesto R. Figueiredo;

- [1991] Aventura en Nassau (Ed. Xerais, ISBN: 84-7507-563-0), relatos do desexo contrariado;

- [1992] Vento de seda (Ed. Xerais, ISBN: 84-7507-665-3), novela da memoria ferida;

- [1994] Miss Ourense (Ed. Galaxia, ISBN: 84-7154-898-2), relatos policiais;

- [1995] Conta os latidos (Ed. Nigra, ISBN: 84-87709-33-8), nouvelle sobre o turismo e outros regocixos;

- [1996] No sabía que doía tanto, narración incluída na Antoloxía do Conto Galego de Medo (Ed. Galaxia, ISBN: 84-8288-035-7);

- [2000] Bajo las más bellas estrellas (Ed. Algaida, ISBN: 84-7647-835-6), Premio Ciudad de Salamanca, romance explorador do pasado como país estranxeiro;

- [1999] A noite das cabras do aire (Ed. Xerais, ISBN: 84-8302-463-2), Premio Merlín de literatura infantil 1999;

- [2000] O mellor francés de Barcelona (Ed. Galaxia, ISBN: 84-8288-287-2), Premio da Crítica 2001;

- [2001] A vida apoteósica (Ed. Xerais, ISBN: 84-8302-643-0), novela sensacionalista de sexo, violencia e misantropía, de humor e vidas enganadas;

- [2001] A historia escríbese de noite (Ed. Galaxia, ISBN: 84-8288-469-7), Premio García Barros da Estrada, 2001, romance encol do amor sacro e o amor profano.

Autopoética

A obra bieitina versa -faltaría máis- sobre os grandes temas: a política, o diñeiro, o sexo, a vida e a morte. Pero tamén furga en pequenos enigmas: ¿Desde cando se comercializan as xardas en conserva? ¿Quen matou a Kennedy? ¿Como é que Orson Welles lle regalou unha piscina chea de colonia a Rita Hayworth? ¿Acaso non sabía que a colonia proe naquel sitio?

Este menda non cre na literatura, na política nin na sorte. Así e todo escribe, vota e bota quinielas.

[Febreiro, 2002]