Beatriz García Turnes (Santiago de Compostela, 1973) escribe dende adolescente e gañou premios como o Repsol de relatos curtos, o Camilo José Cela ou o Minerva. A súa primeira novela, Valdamor (Galaxia, 2001), recibiu o Premio Lecturas da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Publicou tamén o discurso para As Súas Maxestades de Oriente "Os mellores agasallos" do Libro dos Reis (Galaxia, 2012) e, máis recentemente, as novelas O ouro das lúas (Galaxia, 2018) e Esta noite hei de ir a verte (Galaxia, 2021), así como o libro de relatos Comando Sintrom (Galaxia, 2024).
Doutora en Filoloxía Galega coa tese Ideas sobre o galego e as orixes do portugués na lingüística lusa do século XIX, ten publicados diversos artigos de sociolingüística histórica e historiografía lingüística. É autora das monografías A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (Deputación de Pontevedra, 2004) e Vida e obra de Ramón Piñeiro (Galaxia, 2009). Tamén é coautora, xunto con Carmen González Bueno e María Álvarez de la Granja, dun Diccionario gallego-castellano, castellano-gallego (Galaxia, 2001) e, xunto con Xesús Alonso Montero, do ensaio Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas (Parlamento de Galicia/Xunta de Galicia /RAG, 2016).
[Febreiro, 2024]