Nacín o 1 de febreiro de 1948 en Noguera de Albarracín (Teruel), un pequeno pobo rodeado de montañas no Macizo do Tremedal, na zona norte dos Montes Universais. Ali estaba destinada miña nai, mestra galega, que casara cun aragonés. Daquela etapa da nenez gardo lembranzas imborrábeis: os xélidos días de inverno, os xogos coa rapazada pola montaña que había detrás das casas desafiando a neve e os perigos, aqueles vestidos que nos facía miña nai para estrear o día da festa de San Miguel, a moto de meu pai, a casa de dous pisos con dúas balconadas, "Casa de los Maestros", hoxe restaurada que, daquela non sabía, é do século XVIII.
A morriña de miña nai e máis a necesidade das tres irmás de asistir a un centro de ensino secundario tróuxonos a Galiza en setembro de 1957. A aldea de Leira, perto de Ordes, onde vivía a familia materna, foi o espazo onde transcorreu o primeiro ano de estadía. A avoa Carmen, a miserenta casa-escola onde miña nai nos daba clase, o primeiro contacto co galego, única lingua que se falaba ao meu redor, o Castromil que a fin de semana nos levaba a Santiago para nos reunir co pai e coas irmás, aquela foto que fixemos as tres irmás coa tía Carmiña o día que chegamos de Aragón na estrada, perto da maquía do tío-avó Xosé, son imaxes que sempre volven.
Desde 1958 vivo en Compostela. Recordo con certa nostalxia aquel Santiago da miña infancia-adolescencia, tan diferente ao actual. A zona vella de Santa Cristina, San Roque, Hospitalillo, as dúas Algalias, a Praza de Cervantes, a rúa da Troia foron o escenario dos meus xogos (naquel tempo xogábase nas rúas). Durante sete anos atravesei a Quintana e camiñei baixo os soportais da Rúa do Vilar para ir ao Instituto Rosalía de Castro onde cursei o bacharelato (1958-1965). De toda esta etapa de tanta Educación Política e tantas "Labores del hogar", un nome para a lembranza: Gonzalo Anaya Santos, o meu profesor de Filosofía.
Entrei na Universidade en 1965, nese edificio emblemático proxectado por Melchor de Prado no século XVIII, que daquela era a Facultade de Filosofía e Letras. En febreiro do ano 70, cando cursaba 5º de carreira, tiña un lectorado concedido para a Universidade de Rennes o curso seguinte, mais a oferta do meu profesor e mestre, Ricardo Carvalho Calero, para traballar con el, cambiou o meu rumbo. Licencieime en xuño e en outubro dese mesmo ano 70 gradueime cun traballo intitulado "A lingüística galega no século XIX". A partir desa data comecei a ensinar Lingua e Literatura Galega en centros da Universidade de Santiago. Traballei na Facultade de Filosofía e Letras, posteriormente de Filoloxía, de 1970 a 1975, e na Escola Universitaria de Formación do Profesorado desde 1972. Doutoreime en 1978 co traballo "O galego nas novelas de López Ferreiro". Na actualidade ensino Didáctica da Lingua e a Literatura Galega na Facultade de CC da Educación da USC. Case en simultáneo co traballo docente, iniciei o traballo investigador e, nesta altura, xa van alá trinta e oito anos. Os datos sobre a miña actividade investigadora e sobre outras actividades andan espallados pola miña páxina web (www.auroramarco.com)
Son unha traballadora da cultura mais nos meus momentos de lecer, que non son moitos, busco a tranquilidade en Miñortos (Porto do Son), onde o mundo parece deterse e o tempo cobra outra dimensión.