Arturo Lezcano (Ourense, 1939 - A Coruña, 2019). Logo de facer varios cursos de Dereito, deixounos para se adicar ao xornalismo na súa cidade durante a década dos 60 do pasado século. A finais de 1969 converteuse en redactor xefe e posteriormente en director de Ferrol Diario, coincidindo cos violentos sucesos das postrimerías do franquismo. En 1981 pasa a La Voz de Galicia como redactor xefe da sección de Galicia, coordenador do caderno de cultura ao longo de sete anos, redactor xefe de Nacional, Opinión, Control de Edicións e, finalmente, primeiro Amigo do Lector (Ombusman) do devandito xornal. Tamén foi elexido para os dous primeiros mandatos do Comité de Redacción. Xubilado en 2003, colaborou en La Voz de Galicia e foi vicepresidente da Fundación Vicente Risco, con sede en Allariz (Ourense).
Como profesional asinou ano tras ano unha columna diaria, publicou un elevado número de reportaxes -máis de 30 preto da emigración galega en Centroeuropa-, exerceu decote a crítica cinematográfica e mais a literaria, e asemade unha páxina semanal de divulgación do cinema. Paralelamente foi cofundador e secretario dos cine clubes Miño, en Ourense e Zoom, en Ferrol. Tamén figurou nos xuris dos principais premios literarios galegos, en particular o Torrente Ballester, no que permaneceu un decenio.
Premio Xunta de Galicia (1987) e Julio Camba (1981), foi autor de algúns libros en lingua galega, tanto de ficción como de ensaio e xornalismo: Os Dados de Deus e Só os Mortos soterran seus mortos (Galaxia, literatura fantástica), Vicente Risco (A nosa Memoria, Xunta de Galicia) e Risco segundo Risco (Galaxia), Ferrol Diario (1969-1981). Unha agonía para unha expresión de seu e Ourense, Cittá aperta.