Armando
Requeixo

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

Doutor en Filoloxía Galega, é autor de numerosas monografías, edicións, escolmas, traducións e estudos introdutorios. Dirixe os Cadernos Ramón Piñeiro e as coleccións Láncara de Poesía e Narrativa Recuperada no seo do Proxecto Recuperación de Textos Literarios e Xornalísticos Galegos do CRPIH, onde tamén dirixe o Proxecto Bibliografía da Literatura Galega.

É secretario do Boletín Galego de Literatura da USC e Coordinador de Publicacións e Actividades da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, no seo da cal dirixe os cadernos da Colección Selva de Esmelle.

As súas recensións publícanse periodicamente nos xornais do Grupo Editorial Prensa Ibérica (Faro de Vigo, La Opinión, da Coruña), do Grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños), no portal Galicia Dixital (https://www.galiciadigital.com/opinion/autor.249.php) e no site portugués A Casa do João (https://acasadojoao.online/). Tamén mantén unha colaboración semanal na Radio Galega sobre comentario de obras narrativas e ensaísticas galegas ou traducidas (http://www.diariocultural.gal/colaboracions/?category_name=armando-requeixo) e participa cos seus comentarios críticos no suplemento Protexta da revista Tempos Novos.

Recibiu varias distincións polo seu labor como crítico e investigador, como o Premio Xerais á Cooperación Editorial no 2004; o Premio Ánxel Fole no 2010; Premio Redelibros ao crítico literario máis destacado do 2011 e 2012; Premio Redelibros ao blog máis destacado do 2011 e 2012, por Criticalia; Premio Fervenzas Literarias ao mellor crítico literario de 2012, 2014, 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019; Premio Fervenzas Literarias ao mellor blog/web literaria, por Criticalia, de 2015 e 2016; Premio Alecrín 2017 no Eido da Crítica e Investigación Literaria concedido pola FEGALCAT; Premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela 2017, entre outros.

Dende febreiro de 2011 mantén na Rede o blog Criticalia (https://armandorequeixo.wordpress.com/), onde dá cabida a recensións de novidades editoriais ao tempo que achega reflexións sobre diversas cuestións relacionadas coa literatura galega.

[Marzo do 2020]