Arancha
Nogueira

Arancha Nogueira, ou Arancha Rodríguez Fernández (na súa vida máis prosaica), naceu tranquilamente un domingo de setembro de 1989 na cidade de Ourense. A tranquilidade non volveu acompañala desde entón, aínda que si a literatura, fiel compañeira desde os tempos do berce. Licenciada en Xornalismo e cun mestrado en Literatura comparada e Crítica Cultural, a súa vida transcorreu entre Madrid, Porto, Belfast e, por suposto, Ourense, a cidade das luces e as tebras, torturadora da poeta até o tempo presente e, porén, inspiradora de moitos dos seus versos.

Durante este tempo, foi publicada en diversas antoloxías como Diario de Escalofríos, en 2008, ou Cuaderno de Legados, en 2010, así como en revistas literarias como a Revista Incendios, en 2011, o Fanzine As Lurpias (Día da Matria) en 2014, o Boletín Galego de Literatura en 2017 ou a Revista Ligeia en 2018 e outras publicacións como o especial "Seis poetas que comezan" a cargo de Carlos Callón no semanario Sermos Galiza.

Andar descalza, gañador do certame Francisco Añón de Poesía en 2013, é o seu primeiro poemario publicado. No 2018, publica o poemario o único lugar onde ficar inmóbil coa editora luso-brasileira Urutau, a plaquette a capacidade de descomposición da luz con Edicións Micromundos (autoeditada) e o poemario spleen en catro tempos con Toxosoutos. Tamén sae á luz a antoloxía Cultura que Une - Ribeira Sacra/Douro editada pola Fundación Vicente Risco, e a antoloxía bilingüe A Journey Called Home, na que tamén participa, froito da súa breve estadía na cidade de Cork (Irlanda). Nos posteriores anos, gaña o certame Johán Carballeira do Concello de Bueu, co que publica o poemario dente de leite (Xerais) en 2019, así como o Victoriano Taibo de Gondomar, co libro Antese publicado por Galaxia en 2022. Publica tamén os poemarios a comparsa e os ourizos coa non-editora Leite Edicións e participa en diversas obras colectivas. Durante este tempo, a autora fixo a súa primeira achega á narrativa co libro infantil A mestra corremundos, unha biografía da escritora ourensá Pura Vázquez, publicada por Cuarto de inverno en 2021.

Ademais de todo isto, ten gañado diversos certames como o Mazarelos da USC, o da Universidade de Vigo, o do Concello de Ames, o Xuvente Crea ou o Ari(t)mar, entre outros, alén de participar en festivais literarios como o Poemagosto, o Alguén que respira ou o Luz Poética. Está traducida a idiomas como o inglés, o portugués ou o grego, foi columnista de Nós Diario e ten participado en diversos videopoemas así como nunha das cancións do último traballo do grupo Fanny&Alexander: o ruxir da túa ausencia.

Actualmente, reside en Santiago de Compostela e é profesora de lingua galega e literatura no ensino público.

[Abril, 2024]