Antonio
Justicia

Antonio Justicia abriu os ollos ó mundo lonxe do berce de Rosalía (Barcelona, 1983), coma outros tantos fillos dunha semente espallada. A pesares diso, as súas primeiras lembranzas están ligadas á terra de Curros e Celso Emilio. Xa mozo, na Atenas de Galicia, tivo a sorte de coñecer xente que escribía polo simple pracer que lle proporcionaba facelo. Nun mundo inzado de salóns recreativos, bares, consolas e xogos de ordenador, poderían considerarse tolos. E é ben sabido que a tolemia é contaxiosa.
Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, especializouse no eido da Pediatría. Ademais de publicacións en diversas revistas científicas internacionais e libros da especialidade que non veñen a conto, próenlle as musas da rima e o verso. A Serea da Lama é o seu primeiro poemario, unha cativada cosida con verbas herdadas e cumpridos fíos entre as liñas. Unha pequena mostra do que a súa ánima lle debe á terra e á lingua, a pais e mestres, que lle transmitiron unha visión do mundo chea de morriña e música. Un pequeno prólogo do que debe ser a eterna loanza daquel que se sabe posuidor dunha débeda que endexamais será quen de pagar.

[Febreiro, 2018]