Antón
Riveiro Coello

A cousa máis difícil do mundo -di Cioran- é falar dun mesmo sen exasperar os demais. Unha confesión só se atura se o autor se disfraza de pobre diaño, e velaí o punto de partida, un pobre diaño que nace un vinte e oito de agosto do ano 1964, nunha explosión de carne e grandes esperanzas (¡Un animal! ¡Nunca tal se vira! ¡Só pola dor que me fixeches pasar, todos os días era de seu facéresme reverencias! Mamá non desaproveita a oportunidade para me botar na cara esa indecisión miña de non querer saír. Gusta de actualizar a dor deses dous días intensos de agosto, baixo unha atmosfera tráxica e calorosa, cando un fórceps e o seu empuxe arreminado me guindaron ao mundo para bater, con algo máis de cinco quilogramos, a marca de peso do hospital Santa Cristina. ¡Aquilo foi cousa de nunca acabar! Calculo a súa dor e xustifico tanto sufrimento coa sona de bebé bonachón que eu despois tería - parece ser que me pasaba as horas a durmir con tal abandono que non renunciaba a esta letarxia nin tan sequera para comer. Nada máis cortárenche a vida, unha enfermeira lavoute e percorreu os corredores do hospital erguendo semellante bóla de carne como se carrase nas súas mans coa proba palpable dun milagre. Papá sorrí, vaidoso, cólleme coas súas mans de ferro e, logo de comprobar o peso, concentra todo o seu entusiasmo nunha frase que, cos anos, virará lendaria na familia: ¡Naceume un fillo mozo! (1).

Os dous primeiros anos paseinos no cárcere de Xinzo porque o meu pai era o garda municipal ao que lle encargaran o depósito de presos. Dese tempo, aínda que pareza incrible, gardo unha lembranza que debeu de acontecer ao pouco de eu botar andar (Cunha máxica facultade e un incrible asombro de detalles, invoco non só o rostro alegre desas cabezas grandiosas senón tamén a imaxe espazada do cuarto, a luz cansa que entra por dúas fiestras, a pedra espida da parede e o renxido da madeira inferíndolle unha voz misteriosa aos cabezudos do concello, eses monstros que deixan impresa no encerado da miña memoria a súa alegría xacente (2).

Con case tres anos mudámonos para un territorio que, co tempo, viraría na miña patria esencial, onde me criei até os quince anos: as Casas Baratas (Detéñome no punto máis alto deste monte doméstico, familiar, onde a nosa imaxinación entrañaba lobos e monstros inexistentes que caían de noite con mañas felinas, e dende aquí busco o perfil da miña pequena patria: as Casas Baratas, rodeadas agora por unha expansión urbanística que non é quen de borrar esas dúas enormes pedras fitas que semellan ter esmaltado o ceo no azul das súas baldosiñas. A construción aínda impón unha pegada de modernidade sobre a chaira húmida, sempre sometida pola ollada xeométrica das torres medievais, feridas na súa altiveza histórica por estes edificios sociais, por estes dous bloques, cinco portais, cincuenta vivendas, case douscentos veciños: todo un mundo. Aínda semellan dous barcos de pedra varados nas beiras lendarias da lagoa de Antela, coa súa proa ao sur e un vento de soidade na súa concepción urbana (3)).

Polo medio hai unha chaira chea de lembranzas esvaídas nos internados salesianos de Cambados, León e Ourense, onde só destaca a miña euforia pola música e pola guitarra, a miña máis grande paixón (Ritchie Blackmore, si, nada menos, o músico que eu aspiraba a ser e que se convertera na miña vocación máis devota e, asemade, máis frustrada, porque eu non me conformaba con ser simplemente un famoso guitarrista de rock senón que o meu soño tiña miras de rozar a arte deste artista de Londres. Nunca devecín por algo con semellante paixón, e non minto se digo que hoxe o Nobel de literatura non tería para min tanta valencia como ter acadado, daquela, o dominio deste músico, que facía que a guitarra nas súas mans fose, ademais dun instrumento musical, unha expresión poética. E se ben o intentei cunha teima conmovedora naquela vella guitarra que tiña a ponte aberta e, polo tanto, as cordas demasiado afastadas dos trastes -o que facía da pulsación un doloroso e sanguento acto de encallamento-, apenas logrei un arremedo patético de Child in Time ou Mistread. Pensei, de primeiras, que era cousa da guitarra, mais cando tiven nas miñas mans unha eléctrica, imitación Stratocaster, souben que non era cuestión de práctica nin de aprendizaxe senón de talento, esa sorte de técnica e visión que se impón sobre o destino e a vontade dalgunhas persoas (4)).

Cando abriron o instituto de Xinzo, nas vésperas de Tejero dar o seu patético golpe, fundei con outros tres amigos o grupo de rock Sacho (fundar é aquí unha palabra excesiva que conviría mudar por montar, se me ateño ao aspecto físico que tiñan os nosos concertos, nos que traballabamos a eito, antes, durante e despois dos mesmos. Non se me esquece a ilusión coa que carretabamos até os topes aquel vello Land Rover no que ían os bafles, a mesa de son e a marfallada de cables que logo nos viamos negros para desenredar. As actuacións adoitaban ser en discotecas -non queriamos facelo ao aire libre para non exhibir a carencia de vatios do equipo- e o repertorio era do máis variado, e ía dende cancións propias, en cuxas letras cecais xa se agachase a miña vocación literaria, até versións de Santana, Scorpions, Police e, como non podía ser doutro xeito, Deep Purple. Tamén incluíamos o Ayatola de Siniestro Total, que causaba certo furor entre os nosos incondicionais -na súa meirande parte familiares e amigos pouco esixentes, con orella máis que ouvido- e que sempre a tocamos, agás o día da nosa presentación en sociedade, porque a esa actuación acudiron, amais das autoridades municipais, os nosos pais, e Roberto, o batería, negouse en redondo diante do respecto espavorecido que lle tiña ao seu pai. Lémbroo lívido, suorento, coas baquetas recollidas entre as pernas, nunha actitude caprichosa, murmurando, entre a metralla dos aplausos veciños, a súa negativa a estrear unha canción que lle faría rinchar os dentes ao seu pai por mor da carga pornógrafa da letra (5)).

Rematado COU e a Selectividade, fixen o que adoita facer moita xente que non ten as cousas claras: Dereito. E aínda que os tres primeiros anos non me foron mal, deixeino no quinto ano xusto cando coñecín á que hoxe é a miña compañeira e principal culpable de que eu rematase por me dedicar á escrita. Sendo funcionario do Estado e despois da Xunta dei en me presentar a premios literarios e aí fun construíndo unha especie de obradoiro solitario no que fun aprendendo que coas palabras son moitas as cousas que se poden atrapar.

Evidentemente, son un grande amante da música (a carreira de artista de rock abortouse o día no que a miña compañeira ficou durmida mentres lle tocaba unha fermosa canción composta ex profeso para ela), da literatura (Cunqueiro, Faulkner, Nabókov, Sándor Márai, Stefan Zweig, Julien Gracq...) e do cine (Wim Wenders, Akira Kurosawa, Herzog, Fritz Lang...).

Actualmente vivo en Boiro onde participo nun fermoso proxecto chamado Barbantia, que intenta dinamizar culturalmente a comarca do Barbanza. Polo demais, sigo a escribir, con paixón, na construción de castelos no aire para que outros os habiten.

(1) Neve. Casas Baratas. Galaxia, 2005

(2) Neve. Casas Baratas. Galaxia, 2005

(3) Neve. Casas Baratas. Galaxia, 2005

(4) Mister López & Friend. Casas Baratas. Galaxia, 2005

(5) Mister López & Friend. Casas Baratas. Galaxia, 2005

[Xaneiro, 2022]