Antía
Yáñez

Antía Yáñez naceu en Burela, aos pés do Cantábrico, no verán de 1991. Na infancia devorou libros como elemento principal da súa dieta e agora escribe como complemento alimenticio vital. É Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos pola Universidade da Coruña, pero nunca exerceu. Actualmente xestiona unha academia en Cecebre (Cambre), o que lIe permite poder estar en permanente contacto coa escrita, a súa verdadeira paixón.

Formouse no relato curto, comezando cos certames locais da súa infancia. Xa adulta, gañou premios como o XI Certame de Microrrelatos "Lonxe Literaria" (2013), o de Relatos Curtos "Os Viadutos" (1º premio en 2014 e 2º premio en 2017), o XXVI Concurso Literario Xaime Illa Couto (2018) e o Certame Literario de Cambre (1º en 2016, 2º en 2017 e 1º en 2018), entre outros. Con obras autotraducidas ao castelán gañou o 1º premio do V Certamen de Relatos "Pablo de Olavide" de La Luisiana (Sevilla, 2016), o 1º premio do XIX Certamen de Poesía y Relato Corto "Dafne" de Oviedo (Asturias, 2016), o 2º premio no XXIV Certamen Literario "Mujerarte" de Lucena (Córdoba, 2016) e obtivo unha mención especial no XIII Concurso de Microrrelatos Mineros "Manuel Nevado Madrid" de Oviedo (Asturias, 2016).

No ano 2016 dá o paso á novela infantil e publica coa editorial Galaxia O misterio de Portomarín, que ten a súa continuación en O misterio do torque de Burela (Galaxia, 2019). En 2018 gaña o Premio Illa Nova de Galaxia con Senlleiras, o seu debut na novela para adultos, e o I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade de Baía edicións, grazas ao cal ve publicado o seu primeiro álbum ilustrado, A reconquista.

En 2019 publica Be Water, novela greenpunk xuvenil finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, baixo o selo de Urco Editora. O mesmo ano gaña o III Premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil pola Igualdade con Plan de rescate (Xerais,2020), que sairá en castelán e catalán no 2023.

O seu último libro é Non penses nun elefante rosa (Xerais, 2022), que tamén é a súa primeira novela traducida a castelán e catalán da man de Contraluz. Nela aborda o tema da saúde mental, conxugando a visión retranqueira da vida dunha muller millenial que sofre TOC e a gravidade que, á fin e ao cabo, ten padecer un problema que aínda segue invisibilizado.

[Febreiro, 2022]