Andrea
Porto Mato

Nacín en Codeseda, A Estrada, no Nadal de 1989. Tras os anos de colexio, nos que obtiven os meus primeiros recoñecementos literarios nas modalidades de relato, poesía e teatro tiven a oportunidade de participar en numerosas obras colectivas e publicar os poemarios Eco in aeternam, Premio "O Grelo" no 2009 (Vilagarcía de Arousa), SaLGada, Premio Avelina Valladares no 2010 (A Estrada) e Caleidoscopio, Premio Ardeiro de Poesía no 2014. Hoxe, como de pequena, sigo viaxando entre notas, palabras e acordes.

[Febreiro, 2015]

Nacín en Codeseda, A Estrada, no Nadal de 1989. Tras os anos de colexio, nos que obtiven os meus primeiros recoñecementos literarios nas modalidades de relato, poesía e teatro, diplomeime como Mestra de Educación Musical na USC. Durante estes últimos anos, publiquei os meus dous primeiros poemarios individuais, Eco in aeternam e SaLGada, grazas aos premios de poesía “O Grelo” e “Avelina Valladares” respectivamente. Actualmente curso a especialidade de Pedagoxía da Linguaxe e da Educación Musical, no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Hoxe, como de pequena, sigo viaxando entre notas, palabras e acordes, e sinto que son o resultado desa serie de circunstancias encadeadas que casualmente vivín durante estes primeiros vinte anos de vida. Quería ser futbolista e fun nadadora. Quería ser gaiteira e fun guitarrista. Quería ser novelista e fun poeta. Ante todo, unha poeta que nunca leva paraugas, para poder ver chover, pero especialmente, para que non se lle escape ningunha raiola de sol inventando luces de cores.

[Xaneiro, 2011]