A Fonsagrada, 1986
Esta é unha pequena parte da miña vida, a que máis vos pode interesar porque é a que vive da escrita.
Pero antes, algo de formación. Licencieime en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, fixen un mestrado en Comunicación Científica, Tecnolóxica e Medio-ambiental pola Universidade Carlos III de Madrid e outro en Estudos Internacionais pola pola Universidade de Santiago de Compostela.
Xa entrando en materia literaria e do presente ao pasado, en 2018 publiquei a novela Palabra de Bruxa, na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia, que foi finalista na Gala do Libro Galego 2019. En 2015, publiquei a miña primeira novela, xuvenil e de xénero fantástico, Non hai luz sen escuridade, baixo o selo de Urco Editora.
Para adultos, participei nas antoloxías colectivas O libro dos libros (Editorial Galaxia); Contos do Sacaúntos. Romasanta, o criminal (Urco Editora); Lendas de Gallaecia, Segunda Era e Encontros na Terceira Era (Contos Estraños); Tebras na Alma (auto-edición) e Contos de Verán (Redelibros).
Escribín o conto infantil de Nadal, Que pode sair mal? para as actividades Pontexogos (Pontevedra) do Nadal 2016/17, ilustrado por Ana Seoane.
Actualmente imparto obradoiros de narrativa para adolescentes e adultos en Gestión Cultural_Taller Abierto (Pontevedra). Se boto a vista atrás, e non moi atrás, tamén impartín outros na Biblioteca pública de Castrillón (A Coruña), Irixoa e O Saviñao para adultas; na Biblioteca pública Fórum Metropolitano (A Coruña), Friol, Quiroga, Courel... para crianzas. Viaxo por institutos, escolas, bibliotecas, feiras e eventos literarios cando me soa o teléfono e ata que o coche resista.
E xa para concluír, formo parte do colectivo feminista de crítica literaria A Sega.
[Setembro, 2019]