Vin ao mundo na Casa do Tantarantán, en Nandulfe (Chantada), 7.741 anos despois da creación do mundo. Cousa que, segundo os bizantinos e a Wikipedia, aconteceu o 1 de setembro do 5.509 antes da era cristiá. Ese é o feito máis salientábel da miña vida (e non foi decisión miña).
O segundo feito de relevancia (no que tampouco tiven nada que dicir), foi o de marchar a Barcelona dezaseis meses despois, pouco máis ou menos cando comezaba a falar. Medrei co galego na casa, o castelán na escola e o catalán na rúa. Tiven unha infancia franquista normal. Non tiven idade abondo para votar contra a Constitución monárquica. E vivín unha transición adolescente tamén normal para o que foron os oitenta: revista de poesía e banda de música punk. Licencieime en Ciencias políticas e socioloxía pero traballo enredando nas redes e escribindo algoritmos en inglés.
Fóra diso, non hai efemérides persoais significativas: nin premios literarios, nin cátedras universitarias, nin recoñecemento público de caste ningunha. Só son un escribán que decidiu (desta vez si foi unha decisión persoal... tardega, pero decisión ao cabo) non coller o camiño doado e apostar polo galego como lingua literaria na que se expresar. Aínda que sería unha persoa ingrata se non recoñecese que nesa decisión tiveron unha grande importancia dúas persoas sobranceiras, Xosé Antón Miguélez e Xosé Lois García, animándome a ler libros en galego desde a preadolescencia, agasallándome con eles en canto evento nos xuntabamos.
Haberá de ser a miña «obra», por tanto, a que terá que falar por min e darme ou negarme os méritos que eu non son quen de me atribuír.
As persoas que exerceron de xurado no Premio Xerais de Novela 2019 decidiron outorgalo á miña novela Shangai a Barcelona. Obrigado con elas. Moitas grazas.
O xurado do premio Torrente Ballester de Narrativa en galego decidiu que a miña novela Pronto hei de volver era merecedora do galardón na edición do ano 2022. Foi publicada por Xerais a finais de 2023.
[Decembro, 2024]