Alejandro
Tobar

Nado en Lugo en 1983, Alejandro Tobar estudou Filoloxía Inglesa e, tras unha breve etapa docente e diferentes estadías no estranxeiro, centrou a súa carreira profesional na tradución literaria, principalmente na combinación inglés-galego.

Dende 2008, leva traducidas –para múltiples editoriais, entre as cales se contan as galegas Hugin e Munin, Xerais, Urco, Tambre ou Kalandraka– un centenar longo de obras, sobre todo da literatura anglófona. Traduce así mesmo dende o francés e, puntualmente, o dinamarqués cara ao galego e o castelán. O seu labor profesional viuse recompensado en 2014 co Premio Plácido Castro pola tradución de O forasteiro misterioso, de Mark Twain; e en 2016 co Premio Follas Novas de Tradución na I Gala do Libro Galego pola translación dunha novela curta de Joseph Conrad, Mocidade. En 2011 fundou a editorial Hugin e Munin, empresa orientada en exclusiva á publicación de narrativa estranxeira en galego, onde na actualidade se desenvolve como editor.

Entre as voces estranxeiras cuxa obra se encargou de incorporar ao corpus de literatura traducida en lingua galega figuran autores anglófonos tales como Siri Hustvedt, Isaac Asimov, Aldous Huxley, George Eliot, Raymond Chandler, Maria Edgeworth, Robertson Davies ou Anita Brookner. Así mesmo, Tobar forma parte, a canda Xavier Senín e Isabel Soto, da tríade de tradutores responsables de verter a serie de banda deseñada francesa Astérix, tanto á lingua galega coma á castelá.

Publicou unha soa novela, Cremalleiras (Tris Tram, 2008).