Nacéronme en Vigo o ano 1929 e estudiei a carreira de dereito en Santiago, momento no que comecei as miñas colaboracións xornalísticas en La Noche ó carón de Borobó a quen considero o meu grande mestre. Como tantos outros, fun a Madrid coa disculpa de facelo doutoramento, pero en realidade en procura de satisfacer a miña vocación de xornalista, anque tamén o meu amor pola farándula traballando en teatro con José Tamayo, sempre en postos de axudande de dirección, e en cine co vigués Manuel Mur Oti.
Retornei a Vigo en 1959 para colexiame de avogado pero aquelo non me petaba, así que entrei na recén nacida emisora La Voz de Vigo para facer un programa de cultura por onde pasaron, entre outros, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, os irmáns Álvarez Vázquez, José María Castroviejo. Xogaba con ventaxa porque meu pai era o dono do bar "Derby" de Vigo, unha especie de lugar de encontro dos grandes escritores tanto residentes como de paso e eu os levaba á emisora. Logo pasei pola La Voz de León e seguín, xa como director, por La Voz de Extremadura de Cáceres e La Voz de Guipúzcoa de San Sebastián onde din o salto ó xornalismo escrito nos diarios Unidad e La Voz de España despois de rematala carreira de Ciencias da Información.
O ano 1979 foi crucial na miña vida. Xa por entón a unha idade madura, ingresei na Axencia EFE como subdelegado en Bruselas e logo fun delegado en Uruguai, Chile e Galicia, así como enviado especial a algúns eventos como a Guerra das Malvinas en Arxentina. En 1991-92 rematei a vida profesional dirixindo El Ideal Gallego de A Coruña, pero non a actividade xa que comecei as miñas colaboracións en El Correo Gallego e O Correo Galego, agora chamado Galicia Hoxe, ámbolos dous de Santiago de Compostela.
Recibín varios premios nacionais de xornalismo, entre eles o Virxe do Carmo por unha reportaxe sobre a pesca do bacallau e escribín algúns libros, como un estudo xornalístico sobre Colmeiro, Laxeiro e Torres, tres pintores pontevedreses, en galego, que foi editado pola Xunta de Galicia e A outra medeciña en Galicia que describe un percorrido polas consultas de moitos menciñeiros, publicado por El Correo Gallego, e onde se mextura o galego e o castelán.