Santiago de Compostela, 1986. Licenciouse en Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da capital galega. Como xornalista, traballou como correspondente cultural do diario Xornal de Galicia até o peche da cabeceira en outubro de 2011. Actualmente traballa como freelance e colabora en medios como Sermos Galiza ou Praza Pública.
Como escritor, deuse a coñecer en 2006 coa novela Dor Pantasma, publicada na colección Mandaio da Biblos tras gañar o II Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia. Tres anos despois, en 2009, acadou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo. A citada novela foi publicada no verán dese ano no diario coruñés e despois editada en formato libro por Biblos en 2010. En 2012 participou no título colectivo de relatos Sete de Biblos, que reúne narracións breves dos sete ganadores do certame da editorial encabezada por Tucho Calvo e Carmela González Boo. Ese mesmo ano consegue o Premio Vicente Risco de Creación Literaria, convocado anualmente polo Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco, coa novela Todos os días, lanzada ás librarías por Sotelo Blanco en 2013. Dous anos despois, consegue o Premio Manuel García Barros pola novela Máscaras rotas para Sebastian Nell, publicada por Galaxia en 2014.
[Outubro, 2015]