Alberto
González-Garcés

Alberto González-Garcés Santiso. A Coruña, 1950. Reside en Vigo dende 1987.

Doutor en Bioloxía mariña. Investigador en oceanografía biolóxica, especialmente sobre recursos mariños vivos. Para os seus traballos de investigación navegou polo Atlántico, Mediterráneo e Pacífico. Dirixiu a Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía. Tamén foi Director-Xerente do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR. Foi presidente do Comité Permanente de Investigación e Estatísticas da Comisión Internacional para a Conservación dos Atúns do Atlántico e Presidente do Comité Científico, Técnico e Económico da Pesca da Comisión Europea.

Libro publicado en galego:

Alta mar, mar aberta. Editorial Medulia. 2023. 102 páxinas. ISBN 9788419438355. Prólogo de Xavier Seoane.

É un libro de poemas. Segundo Xavier Seoane no prólogo do libro:

“Alberto González-Garcés mergúllase na intimidade con vibración lírica e emotiva. No seu plantexamento poético, a esfera do persoal, as experiencias da vida, os sentimentos e pensamentos suscitados polo decorrer dos anos e dos días constitúen o eixe da atención perceptiva. Así viaxa do goce do vivido á meditación existencial e á ferida elexíaca das experiencias que o marcaron con fondas pegadas.

Neste sentido, o libro é, en certo modo, unha autobiografía poética na que, ao lado das idas e vindas polas que os labores e os sucesos o foron levando, non faltan os aspectos dolorosos da existencia. E, ao lado da fiel e sentida homenaxe á súa familia, non deixa de xurdir a preocupación pola morte e o paso inexorable do tempo: os temas de hoxe e de sempre da condición humana”.

[Setembro, 2023]