Alberte
Suras

Alberte Suras, pseudónimo literario de Alberto Suárez Figueiras, naceu en Montevideo (Uruguay) no ano 1956. Fillo de emigrantes galegos da bisbarra de Bergantiños (Ponteceso e Malpica). É Profesor numerario de Sistemas Informáticos (1988) e asemade Programador numerario de Aplicacións Informáticas do Centro de Cálculo da Deputación Provincial da Coruña (1982). Dende o ano 2000 desenvolve o seu labor docente, no Departamento de Informática, na Escola de Mestría Industrial-IES Fernando Wirtz da Coruña.

As súas paixóns son os libros, a radio, a música e o cine. Posúe o Carnet Profesional da Radio (1976). Na súa etapa en Madrid comparte micrófono con Antonio Bravo (Cadena Ser, 1977) e tamén participa, cun pequeno papel, na rodaxe da película Climax (1977) dirixida por Francisco Lara Polop e interpretada, entre outros, por Annie Belle, Teresa Gimpera, Silvia Tortosa, Virginia Mataix, Javier Escrivá, Ismael Merlo e Andrés Isbert, baixo unha fermosa música de Vainica Doble . Na cidade de Lope de Vega, asemade, entabla amizade e tertulia literaria con Xosé Manuel Pereiro (longas conversas sobre a nosa lingua fora de Galiza, a poesía, o xornalismo...) e o poeta andaluz Juan Afán Muñoz.

Na Cidade Herculina tamén fai radio. Un programa seu (Voo Musical, 1979) tiña unha sección adicada á Música Galega ( Benedicto, Bibiano, Miro Casabella ...). Así mesmo é impulsor de proxectos culturais e poéticos na Web, o que lle valeu no ano 2001 o Premio Nacional Webescolas-Iespana, que incluia un apartado de poesía galega.

Traballou no deseño e implementación da informatización da Biblioteca Provincial da Deputación Provincial da Coruña (1984-1987) en colaboración cos Profesores José María García Rubio e Tomás Jiménez García da Universidade de Murcia, onde dirixen a Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións Aplicadas (ATICA).

Na súa estadía docente na cidade de Lucus Augusti (1989-2000) entabla amizade e tertulia literaria cos escritores Manuel Celso Matalobos, Darío Xohán Cabana, Lois Diéguez e Manuel María, o que sempre admirou e do que se considera discípulo. Na Cidade de Cristal comparte amizade literaria e tertulia con Felipe Senén, Henrique Rabuñal, Yolanda Castaño e Luisa Villalta. Ten participado en numerosas conferencias e recitais poéticos, destacando: Recital homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (R.R. Artesanos-A Coruña, 1992), Recital homenaxe a Eduardo Pondal 75 Cabodano (Ponteceso, 1992). Colabora en diversos xornais e revistas (A Nosa Terra, O Progreso, Latricadas, A Jillotina ...).

A súa andaina literaria inclúe dous poemarios: Latexos do vento (1992) , Premio Concello de Malpica e Olladas dun intre de amor (2007), Finalista Premio Illas Sisargas. Na actualidade está a traballar nunha cuatriloxía poética e na recuperación de expresións e palabras da bisbarra de Bergantiños dentro do proxecto "Palabras con Memoria" da AELG. Asemade traballa no desenvolvemento de Unidades Didácticas Virtuais de Escritoras/es Galegas/os aplicadas ao ensino. A primeira destas Unidades Didácticas, baixo o titulo de Contos e Flores, está adicada a Agustín Fernández Paz . É membro da AELG dende o ano 1992.

[Setembro, 2008]