Alberte
Blanco Casal

Nado en 1951 en San Adrián de Cobres, Vilaboa (Pontevedra). Enxeñeiro Técnico Industrial.

Foi membro do Consello Nacional do BNG entre 1987 e mediados dos anos 90. Profesor numerario de Tecnoloxía do Instituto de Ensinanza Secundaria de Verín, do que foi director entre os anos 2002 e 2005. Foi fundador, en 1988, da Asociación Cultural Monterrei de Verín e da súa revista A Tempo. Exerceu como concelleiro nacionalista en Verín dende 1991 ata 2005. Na lexislatura 2003-2005, en calidade de membro do BNG, foi portavoz e tenente de Alcalde. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural.

Participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador da revista nacionalista de pensamento Terra e Tempo, editada en Compostela, e da revista Fórum Galaico-Transmontano editada en Chaves (Portugal). Colabora habitualmente como articulista nos diarios dixitais Sermos Galiza e Praza Pública. É membro fundador do colectivo de animación cultural Foro Monterrei.

En abril de 2013 publicou a novela Arcadia. Os gardiáns do segredo, da que saíron dúas edicións. En 2014 publicou un libriño de relatos autobiográficos titulado Telumbres de lúa. En 2015 a Deputación de Ourense publicou a súa obra de investigación histórica O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense. Aproximación histórica ao período 1840-1930. Foi finalista, tamén en 2015, do Premio Xerais de Galicia coa novela O Códice Esmeralda, publicada en marzo de 2017.

Colaborou como coordenador en O monte galego, caos ou desenvolvemento muntifuncional?, obra colectiva editada en 2017 por Sermos Galiza. En 2019 publicou Memorias da brétema. Historias dunha bisbarra do Ulló, editada por Círculo Rojo. En 2021 publicou a obra de ensaio Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo, editada por Edicións Xerais.

[Xaneiro, 2022]