Nacido en Betanzos (1956), aos oito anos (por causa da profesión do meu pai, ferroviario) pasei a vivir na Coruña, cidade onde pasei o resto da miña infancia e primeira mocidade.
Estudei Filoloxía na Universidade de Santiago, polo que son doutor (1994) cunha tese sobre as vangardas históricas na literatura galega.
Resido en Vigo desde 1980. Son catedrático de lingua e literatura galegas, actividade docente que veño exercendo desde hai case trinta nos no mesmo centro: o I.E.S. "Sta. Irene" (Vigo). Así mesmo, fun profesor visitante na Universidade de California (Sta. Clara) e desde hai case dez anos son igualmente profesor de cursos de máster na Uned.
Desde moi novo comecei a colaborar na prensa: os meus inicios foron no Ideal Gallego, pasando logo a La Voz de Galicia, Diario de Galicia, Diário de Notícias (Lisboa), Diario 16 de Galicia... Non obstante, desde hai case vinte e cinco anos colaboro semanalmente -con artigos de opinión sobre temáticas de actulidade social, política...- no xornal Faro de Vigo. Así mesmo nese mesmo xornal son o coordinador do suplemento de cultura "Faro da Cultura", que se publica semanalmente desde o ano 2002 (con anterioridade dirixira, nese mesmo xornal, "Faro das Letras"). Teño publicados diferentes traballos en revistas especializadas: singularmente en A trabe de ouro, pero tamén en Grial, Anuario Galego de Literatura, Madrygal, etc.
[Agosto, 2013]