Henrique
Dacosta

Nado en Ferrol en 1964, é profesor de Lingua Galega e Literatura, ademais de escritor. Desempregou o cargo de Técnico Especialista en Lingua Galega na Comisión de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Fene, onde tamén elaborou o estudo Fene e a súa Toponimia. Achegas para unha comprensión, aínda pendente de ser publicado. Ten obtido o Carvalho Calero, na vertente de creación literaria, coa novela Mar para todo o sempre, en 1991; en 1993, coa colección de relatos Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias; e, en 2007, con Unha mada de doce relatos —todos publicados por Laiovento—; e o XXV Premio Lueiro Rey de Novela Curta, con Illas a sotavento, publicado en 2019 por Xerais. Foi finalista con Ruiva mulher de esperança no I Certame de Relato Curto, Asociación Cultural Cidade Vella, 1989, de Santiago de Compostela, narración publicada xunto con outras cinco (doutros tantos autores) so o título de Muralla de Crescórnio, na editorial A Nosa Terra.

Ten publicados relatos en volumes colectivos como "Diálogo de xordos", en Longa lingua. Os contos da Mesa, Edicións Xerais, Vigo, 2002; "Ouro maldito", en Seis ferroláns, Edicións Embora, Ferrol, 2003; "Cabo do mundo", en Premios Pedrón de Ouro. Certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo. XXXII e XXXIII certame, Ediciós do Castro, Sada-A Coruña, 2008; "Soñaba", en En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova, 2010; e, individualmente, a narración breve O día que ao Carlos lle fora mal, en Muíño do Vento-ASC de Canido-Ferrol, Viveiro, 2018; e as colectáneas de relatos Á deriva, Belagua, Vigo, 2018, e O estraño caso da bicicleta amarela, en 2022, na mesma editorial.

Publicou as novelas Os desherdados, Edicións Embora, Ferrol, 2006; O prezo da tentación, Edicións Embora, en 2008; Entrada ao xardín do saber, Edicións Redelibros, Vigo, 2014; A Rota do Oeste, Edicións Embora, Ferrol, 2019. En 1996, edita os “Contributos para a análise da poesia de Ernesto Guerra da Cal”, en Actas do IV Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza, Vigo; en 2001, no volume Do músculo da boca. Encontro Galego no Mundo. Latim em pó, Santiago de Compostela, "Enquanto haja vida..."; en 2007, será o manual de literatura Ferroláns na Historia da Literatura Galega, Edicións Embora, Ferrol; a biografía Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético, Xerais, 2020; e “Ricardo Carvalho Calero, o estudoso da literatura”, en Hei de entrar no meu povo, Embora, 2019; o “Prólogo (Irmandiñas, O parto de Calandrino e O converso de Ribadavia)” a Teatro popular de Eduardo Fra Molinero, Soláster, Ferrol, 2007, e o prólogo tamén, “A poética do oxímoro en Alberte Momán”, a 1[14]1, de Alberte Momán, Belagua, Vigo, 2019; así como os estudos toponímicos, “Toponimia de Serantes”, en Memoria histórica de Serantes, Embora, 2021, e “A toponimia fóra de portas”, en Memoria histórica do Ferrol de fóra de portas: Praza de España, Recimil, Inferniño, San Xoán de Filgueira, Santa Mariña e Caranza, Embora, 2022.

Colabora habitualmente no suplemento Nordesía do Diario de Ferrol. Ten publicados artigos e investigacións en diversos tipos de revistas, culturais e especializadas, e xornais (Agália, A Nosa Terra, Ferrolanálisis, Crónica de Ferrolterra, Columba, O Sil, Ólisbos, Poesía Galicia, Aunios, Kallaikia, Elipse, Olga, Labor Galega, Atenea, Cátedra, Cadernos Ramón Piñeiro, Tempos Novos, Nós Diario, etc.), e ten participado como relator en diferentes congresos e xornadas sobre lingua e literatura galegas, obradoiros de creación literaria, alén de no programa “Coto do Rei” de Radio Fene entre os anos 1995-1996.

[Decembro, 2022]