Santiago de Compostela foi a cidade que me viu nacer en 1957 e na que vivín durante vinte e sete anos. Nela estudei Xeografía e Historia e mais Filoloxía Hispánica ao tempo que impartía clases de francés de literatura nas Aulas da Terceira Idade e de español durante dous cursos de verán para estranxeiros na USC. En 1984 marchei para Ourense onde dei clase de Lingua e Literatura Galegas durante dezaoito anos. Xubileime en 2003 por problemas de saúde. Tras catro anos de vivir no Val Miñor, desde 2006 estou instalada en Ribeira.
A afección polas historias vénme de cativa -desde que me contaban contos para que comese até que eu mesma puiden acceder aos numerosos e variados libros da biblioteca familiar. Xa desde mociña sentín o desexo de inventar as miñas propias historias e así fun construíndo bastantes que non resistiron a peneira do tempo. Daqueles primeiros balbucidos non conservo nada, destruínos un bo día en que me enchía a febre limpadora.
Son unha escritora lenta que goza xogando coas palabras e imaxinando situacións que se desenvolven paseniñamente. Intento coa miña escrita que o lector se entreteña e perciba a música de fondo que pretendo imprimir ás miñas obras.
Teño publicados Un ano de fábula en catro estacións (infantil), As ás de Xenoveva (infantil), Saturno tamén é deus (relatos), O faro de Arealonga (novela), Sede en Ourense (novela) e Vidas exemplares (relatos), amais dos contos "O pequeno Mario" en Narradoras, "A palabra de Deus" en Longa lingua, "O nacemento da humanidade" en Micro.relatos, "Tarde de aventuras" en Contos de ogras, aventuras, baladas e piratas e "O primeiro bico" en A cor dos soños.
No blog Delirios (http://www.ficcions.blogspot.com/) espallo microrrelatos cando me apetece.