Concha
Blanco

Profesora de Lingua Galega e Literatura. (Actualmente prexubilada). Comezou a súa tarefa docente como mestra de E.X.B. no ano 1970 en Nemiña (Muxía). Logo fíxoo no Ézaro, Brens, Dumbría e Cee. Os 13 últimos cursos no I.E.S. “Agra de Raíces” de Cee. Localidades todas elas da provincia da Coruña.

Outras actividades: Son numerosos os encontros que leva realizado cos seus lectores/as por diferentes localidades de Galicia.

Impartiu varios cursos de Lingua Galega a docentes e a outros colectivos de adultos, así como obradoiros de Animación á Lectura dirixidos a profesores/as e a alumnos/as de diferentes idades. Tamén charlas e mesas redondas sobre Normalización Lingüística e outros relatorios sobre autores/as, festividades ...

Participou como relatora nas Xornadas de Formación a Profesores en Prácticas, de Secundaria, en decembro de 2008 en Cee, Carballo e A Coruña.

Foi durante anos correspondente de prensa no xornal La Voz de Galicia.

Vicepresidenta 1ª de Gálix na actualidade, desde o ano 2010.

Pregoeira das festas do Cristo. Fisterra.

Pregoeira das Feiras do Libro de Cee. 1990 e 2001.

Coordinadora da Semana co Libro, que se desenvolveu entre os días 18 e 23 do mes de novembro de 2002, no IES “Agra de Raíces” de Cee.

Pregoeira da Feira do libro de Carballo. (19 de agosto de 2004)

Pregoeira das Festas da Xunqueira de Cee. (13 de agosto de 2007).

Relatora na Mesa Redonda en Vilalba, co gallo do 3º aniversario da morte de Manuel María (setembro de 2007)

Texto sobre “O Lobo”, para a Exposición de Adega e outras asociacións (febreiro de 2008)

Pregoeira da Festa dos Pereiriños na Estrada. (21 de xuño de 2009).

Relatora na Mesa Redonda arredor da temática “A fráxil existencia na Literatura”, no programa Tendendo Redes, de Gálix (Santiago, 26 de novembro de 2009)

Relatora co título “Homenaxe a Anisia Miranda” (Piloño, Vila de Cruces, 11 de xullo de 2010)

Nominada en dúas ocasións para a Medalla “Fernando Blanco” (a última no 2010)

Impartiu 2 cursos para docentes de Creación Literaria en Cee e en Carballo nos meses de xaneiro e febrero de 2011.

Autora do poema Aperta para a exposición “Vivir un soño repetido” no libro –homenaxe a Lois Pereiro. 2011.

Autora do texto Sen data de caducidade para Redelibros. 2011

Relatora na Feira do Libro de Boloña (Italia) co título De Galicia a Boloña coas nosas imaxes. Marzo de 2011.

Coordinadora da Homenaxe a Neira Vilas promovida por Gálix. (A Coruña, 1 de abril de 2011).

Relatora co título En clave de SOL co REbollar. (Cee, 30 de xullo de 2011)

Autora dun texto para a Exposición “Formas de ver a Bóveda” (A Coruña, agosto de 2011)

Autora da Unidade Didáctica sobre o libro Amar e outros verbos de Ana Mª Fernández.

Autora da Unidade Didáctica sobre o libro Gatos e leóns de Xosé A. Neira Cruz.

Relatora co título Muller – Educación. Binomio fantástico nos actos de celebración do 125 aniversario da inauguración do Instituto “Fernando Blanco” de Cee. (Cee, 1 de outubro de 2011)

Relatora co título Muller – Literatura. Binomio fantástico, no programa Xoves Culturais do Concello de Riveira. (Riveira, 12 de abril de 2012)

Relatora co título Muller e emigración, difícil diagnóstico, na Fundación Fernando Blanco (Cee, 26 de outubro de 2013)

Realizou numerosas presentacións de libros doutros autores, a última a de Costa do Solpor, do autor Xosé Mª Lema, en Vimianzo, no 2013.

Inauguración da Exposición fotográfica “Lires na memoria” (Lires, 15 de decembro de 2013)

PREMIOS

1982 e 1983: 3º premio da Agrupación Cultural O Facho polos seus contos "O Planeta Ceboleiro" e "Os habitantes de Nepecifonilandia".

1988: finalista no Premio Barco de Vapor coa obra ¿Andrómenas?

1996: finalista no Premio Merlín coa obra A aventura das cores.

1997: accésit Premio Lazarillo coa obra ¡A min que me importa!

1999: finalista no Premio Merlín coa obra Tita.

2002: Premio Lecturas “Galix” coa obra Quero que veñan meus pais.

2003: finalista no Premio Merlín coa obra Sara.

2007: Premio Novela por Entregas La Voz de Galicia coa obra Habitación 202.

2007: Finalista “Premio Frei Martín Sarmiento” coa obra A bruxiña da sorte.

2007: Finalista “Premio Pura e Dora Vázquez” coa obra Os poderes máxicos de Aitema.

2007: Premio de Poesía “Arume” coa obra Cantos da Rula.

2008: Premio “Frei Martín Sarmiento” coa obra Poemas para pintar.

2008: Premio “Pura e Dora Vázquez” da Deputación de Ourense coa obra Encontros ás agachadas.

2010: Finalista “Premio Frei Martín Sarmiento” coa obra Habitación 202.

2013: Finalista “Premio Frei Martín Sarmiento” coa obra Misterio resolto, aínda sen se realizar o fallo.

[Marzo, 2014]

No Concello de Cee hai unha aldea que se chama Lires. En Lires está a ría máis pequena de Galicia, que coa marea baixa desaparece; é unha ría con maxia. Antes da ría hai un cruceiro e preto do cruceiro está a miña casa onde nacín o 19 de xuño de 1950.

Segundo me contaron, tardei moito en saír da barriga de miña nai, retraso que a piques estivo de facerme coincidir nacer con morrer. D. Xoán, o médico que axudou no parto, deume un par de azoutas. Así que dende aquela aprendín a ser puntual nas miñas citas, co traballo, cos amigos, coas amigas.

Quérovos contar que a miña primeira anécdota xa ocorreu aquel día ao pé do leito naquela casa de Lires. Este doutor, amigo da familia, suxeriulles aos meus que me puxesen por nome Blanca, en vez de Concha. Blanca Blanco Blanco.

-¡¡Non!! -aseguraron os meus proxenitores por unanimidade.

Ata os dez anos vivín neste fermoso lugar.

Fun á escola pública na que compartía pupitre con meu curmán, e aula con tódolos nenos e nenas da aldea, grandes e pequenos. No pupitre, que se me facía un chisco grande, sempre tiña as pernas colgando. Aquí foi onde me fixen amiga dos libros, ata namorarme deles. El gato con botas foi o primeiro exemplar de contos de meu, agasallo de dona Amparo, unha das miñas primeiras profesoras que coñecía ben a afección que eu tiña pola lectura.

Logo fun a Ferrol cursa-lo bacharelato no Instituto Concepción Arenal. Desta cidade teño gravadas fondas pegadas e trouxen comigo a amizade de Cheli, de Pili...

A carreira de Maxisterio curseina en Santiago de Compostela, cidade da que só dici-lo seu nome me comprace.

Logo residín en diferentes lugares da provincia da Coruña, por mor das escolas a onde fun destinada: Nemiña (Muxía), O Ézaro (Dumbría), Brens (Cee), Dumbría, "Eugenio López" (Cee). E agora aquí estou de novo en Cee, impartindo clases de Lingua Galega e Literatura ós alumnos e alumnas de 1° ciclo da ESO no I.E.S. "Agra de Raíces".

Amais de ler e escribir gústame o seguinte:

Desordenar e ordenar. Escoltar a radio desde a cama. Ter encontros cos nenos e nenas. Falar por teléfono. Observar a natureza. Comer tortilla de patacas ou croquetas de Ana Villar. Ver programas de entrevistas. Imaxinar por dentro as persoas. Escribir dentro do coche. Deitarme e erguerme tarde. Pasear pola praia da Langosteira, á beira do mar.

Pero sobre todo o que máis me gusta é SOÑAR.

Literariamente amais dos títulos publicados podería salientar que fun accésit Lazarillo (1997), Premio Lecturas (2002), Finalista Barco de Vapor (1988) e Finalista tres veces (máis que salientar aquí caberia dicir "lamentar", 1996, 1999, 2003) no Premio Merlín e un bo posto entre os finalistas nunha ocasión no Premio Edebé.