Antonio
Tizón

ANTONIO TIZÓN (Aranga, A Coruña, 1960) é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense, de Madrid, e diplomado en Estudos Avanzados pola Universidade de Santiago de Compostela, na que obtivo a suficiencia investigadora co traballo titulado O libro galego fronte a un novo desafío de viabilidade. A viabilidade do libro galego no marco histórico da globalización. Aproximación cualitativa á industria editorial en Galicia (USC, 2003). Traballou como xornalista en distintos medios e como profesor de diversas materias nas agora chamadas Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Ourense, Santiago e A Coruña. A miúdo escribe poesía, que acumula en volumes en proceso de reelaboración. Entre os xa rematados e publicados, destaca Non hai espellos nos manicomios, un proxecto multimedia sobre saúde mental subvencionado pola Deputación da Coruña na categoría de proxectos singulares publicado en forma de libro co subtítulo Antonio Tizón. Biografía dunha superación (Arraianos Producións) e editado tamén en formato dixital na web: (www.nonhaiespellosnosmanicomios.org), En 2019 foi premiado no V CERTAMEN INTERNACIONAL DE RELATOS CORTOS SOBRE DISCAPACIDAD, con “Descifrando el significado” (LIBERTAS, 2020). Ten editados, ambos en 1996, un libro de relatos, In medias res, e o poemario Ritmos. A partir de 2015, coa novela A antesala luminosa comezou a publicar en XERAIS unha serie que ten como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, e que, en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas e entre outras temáticas sociais, o tema da loucura. A esa serie pertencen tamén as novelas Un home estraño (Xerais, 2018), Premio Cidade Centenaria de Ribeira, que, xunto a Antesala luminosa, foron adaptadas en formato podcast ou serial radiofónico e emitidas por Radiofusión entre os anos 2019, 2020 e 2021, e Os incurábeis (Xerais, 2020), unha obra que, nestes momentos, está igualmente en proceso de adaptación á linguaxe da radio para difundir no mesmo formato, o podcast, e na mesma cadea de emisoras municipais (Radio Fene, Radiofusión).

[Xaneiro, 2021]