Na Casa Deles é un proxecto musical e literario, consistente na gravación nun lugar relevante vinculado a un escritor relevante da provincia de Lugo xa falecido unha canción sobre un poema do mesmo, xunto a un texto que versa sobre a vida deses autores homenaxeados, elaborado por un/ha escritor/a especializado/a na súa obra. Este/a escritor/a sinalou tamén aqueles espazos ou lugares relacionados co autor homenaxeado, que se filmaron para acompañar o mencionado texto (as gravacións foron feitas por Arturo Vaquero).
A idea é que en 2024 o proxecto estea centrado en poetas escritoras, levando o nome, nese momento, de Na Casa Delas.
Os nomes dos autores homenaxeados neste 2023 son: Darío Xohán Cabana, Álvaro Cunqueiro, Manuel María, Uxío Novoneyra, Luís Pimentel e Lorenzo Varela, xunto a unha gravación especial sobre pezas de literatura de tradición oral.
Desde a AELG coordinouse a actividade cos/coas escritores/as especializadas/os nas súas obras, que foron as/os seguintes:
Alexandra Cabana, sobre Darío Xohán Cabana.
Antonio Reigosa, sobre Álvaro Cunqueiro.
Mercedes Queixas, sobre Manuel María.
Branca Novoneyra, sobre Uxío Novoneyra.
Beatriz Dourado, sobre Luís Pimentel.
Carlos Callón, sobre Lorenzo Varela.
Xoán R. Cuba, sobre Literatura de Tradición Oral.
Neste trimestre final de 2023 daranse a coñecer publicamente os resultados con concertos en diversas poboacións da provincia de Lugo onde estiveron vinculados os autores homenaxeados.
As composicións musicais son de autores recoñecidos na nosa música: Paz Valverde, Xoán Fuertes, Miguel Lustres, Luís Emilio Batallán e Javier G. Jácome, con arranxos para piano de Alberto Vilas, Paulo Borges, Ana Vázquez e Nani García. As pianistas que gravaron os temas xunto ao cuarteto Son de Corda (formado por Esperanza Iglesias, soprano; Carmen Prendes, contralto; Fernando G. Jácome, tenor; e Antón Castro, baixo) foron: Elena Rodríguez, Esperanza Iglesias, Ana Huerta, e o pianista Alberto Vilas.
Nos actos de presentación tamén se proxectarán sete curtas feitas por Manuel Lucas Mariño, de catro minutos de duración, sobre cada un dos autores lucenses dos que se fai o proxecto nesta primeira entrega de 2023.