24 de febreiro de 2018
Co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e da Deputación da Coruña
Foto da actividade

Pode descargarse o cartaz en formato pdf aquí.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemorou un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Cada ano a AELG encomenda a un autor/a o texto do manifesto que se propón ler en cada un dos actos que calquera entidade ou colectivo queira organizar para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este ano foi María Reimóndez a encargada da elaboración do seguinte

 

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra

 

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.

Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!

E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

 

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra


 

Actos promovidos pola AELG
Actos organizados por outras entidades
Actividades nos centros de ensino
#AbrideAFiestra. O Día de Rosalía de Castro nas redes sociais
Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino
Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro
 

 

Actos promovidos pola AELG

 

Acto central

O 24 de febreiro tivo lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre. Este foi o programa:

- Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Has de cantar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada

Negra Sombra Letra: Rosalía de Castro
Música : J. M. Capón

- Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias

- Lectura do Manifesto da AELG
María Reimóndez

- Lectura de poemas rosalianos.

  • Pilar Reino e Xerardo Rodríguez Roca
  • Chus Astray
  • Patricia Porto
  • Pilar García Rego
  • Laura Caveiro
  • Montse Dopico
  • Daniel Salgado
  • María Seijo
  • Suso Seixo
  • Isabel Vilalba

- Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Na morte de Castelao Letra: Ramón Cabanillas
Música: Francisco Tobar Cereijo

María Soliña Letra: Celso Emilio Ferreiro
Música: Antonio Paz Valverde (arr. Francisco Tobar)

- Ofrenda floral

- Interpretación do Himno

------------

Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organizou lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

En todos estes actos leuse o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora María Reimóndez.

A Coruña

Lugo

A Deputación de Lugo agasallou cunha lámina da autoría de Helena Karenina e cunha rosa as persoas visitantes que nesa xornada se achegaron ao CENTRAD e aos seus centros museísticos distribuídos pola provincia.

 

Vigo

O acto comezou coa colocación dunha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel, percorrido até o local da Federación de Veciñas/os e lectura do manifesto e de poemas de Rosalía.

Vilalba

O 24 de Febreiro, Día de Rosalïa de Castro, Culturalia GZ, NPG Nova Poesía Guitirica e a Liga Santaballesa organizaron dentro dos eventos que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega AELG promove por toda Galiza, un recital poético feminino no que ademais das coñecidas poetas:

  • Pilar Maseda (Vilalba).
  • Emilia Martínez Fuentes (Vilalba).
  • Luz Airado (Vilalba).
  • Luz Darriba (Lugo).
  • Montse González (Lugo/Verso a Verso).
  • Silvia Pardo (As Pontes).
  • Maria Pereira (Betanzos).
  • Adolfina Mesa (Monterroso).
  • Ana Vila Portomeñe (Taboada).
  • Mar Beres (NPG Nova Poesía Guitirica).
  • María Xosé Lamas (Vilalba).
  • Ana Mar Fraga Rabade (Cospeito).
  • Branca Villar (Labrada).
  • Asun Blanco (As Pontes),
  • e a presentadora do acto, Pas Veres (Os Vilares),.

dúas rapazas de Santaballa deron lectura ao Manifesto #AbrideAFiestra, que compuxo a escritora María Reimóndez, primeira gañadora do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. O público asistente puido tamén participar coa lectura de poemas de Rosalía. E no remate, o acordeonista de Lanzós, Manuel Figueira, pechou o acto coa interpretación de pezas coñecidas e habaneiras moi acaidas ao espazo no que se celebrou, a Escola Indiana da Liga Santaballesa.

Aquí poden lerse os textos recitados.

 

Actos organizados por outras entidades

 

Arteixo

A Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través de Rede Municipal de Bibliotecas, celebrou o Día de Rosalía cunha serie de actividades para honrar á nai das nosas letras.

O primeiro dos actos tivo como protagonista ao alumnado da ESO do IES Manuel Murguía que asistiu á representación da obra “Tecín soia a miña tea”, dramatizacións da obra Rosaliana e que correron a cargo da actriz Ana Hermida. Tivo lugar os días 21 e 22 e deu comezo ás 11:00. 

O acto central foi o “Concurso de poesía Homenaxe a Rosalía de Castro” que este ano xa vai pola cuarta edición. Dirixido á infancia de entre 8 a 12 anos, que recitaronos seus propios poemas. Cada participante levou un agasallo, e houbo ademáis un premio por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibiu o premio final. Ana Hermida deu lectura ao Manifesto da AELG e tamén se encargou de facer unha homenaxe poética feminina á Rosalía de Castro mentres deliberaba o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.

Foi na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:00 h. A entrada foi libre e gratuíta ata completar aforamento.

Betanzos

Venres 23, ás 19:00, na Aula de Cultura Xulio Cuns, no Edificio Liceo.

O Servizo de Normalización Lingüística coorganizou xunto á Asociación Cultura Eira Vella, coa colaboración do IES As Mariñas, o Coro Municipal de Coirós, o CPR Nosa Señora do Carme Atocha, Lar de Unta e a Asociación Cultural A Fuliada, o acto de homenaxe a Rosalía de Castro, presentado por Paula Mosquera e Sergio García, coa actuación musical de Adhara & Ritman.

A Coruña

A Estrada

A Asociación Cultural "Vagalumes" conmemorou o día de Rosalía cun recital de poesía que tivera esta autora como destinataria. Fíxose unha escolla de textos dedicados á poeta, aínda que tamén convidaron a que quen desexe participara con composicións propias que tiveran este mesmo tema.
Este acto tivo lugar o 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do natalicio da escritora, ás 20:00 h. na sala de exposicións de Abanca.

Lousame

 

Moeche

O Concello de Moeche reservou un espazo do mercado no que se puideron ver xuntos todos os fondos da biblioteca municipal referidos á autora o sábado 24 de febreiro. Xunto co mostrario dos fondos bibliográficos sobre Rosalía, o Concello tamén agasallou cunha flor e un marcapáxinas todas as persoas que fixeran algunha compra no mercado. Ver máis información aquí.

Ourense

A programación do Día de Rosalía no campus de Ourense estivo organizada pola Área de Cultura, a biblioteca universitaria e polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación Isabel Mociño, Javier Blanco e Xosé Constenla. Recollendo o convite que fai a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de animar a todo tipo de institucións a participar nesta conmemoración, as persoas implicadas deseñaron un amplo abano de actividades que culminou o día 27 de febreiro coa celebración dunha homenaxe no Edificio de Ferro.

O certame 
No Concurso de Microrrelatos Día de Rosalía A túa Rosalía puido participar calquera persoa da comunidade universitaria da Universidade de Vigo. O traballo consistiu nun microrrelato de tema libre que debía iniciarse ou pecharse cun verso dun poema de Rosalía de Castro, valorándose a elección de versos pouco coñecidos desta autora. Os traballos debían ser orixinais e non ter sido premiados en ningún outro concurso, sendo a extensión máxima de 134 palabras, unha por cada ano transcorrido desde o falecemento da escritora.

Os microrrelatos debían estar escritos en lingua galega. Concedeuse un único premio consistente nun vale de 150 euros para compras en librarías de Ourense, diploma conmemorativo e un agasallo. O xurado puido acordar, en función da calidade dos traballos presentados, asignar accésits que se recoñeceron con diploma conmemorativo e agasallo. O prazo de presentación estivo aberto ata o 23 de febreiro de 2018.

Máis programación
No marco da celebración do Día de Rosalía, tamén se levou a cabo na Biblioteca Rosalía de Castro do campus a actividade Escribíndolle a Rosalía. Nun mural coa silueta da cara da homenaxeada feito polo artista e profesor da Facultade de Ciencias da Educación Javier Blanco, convidouse ás persoas interesadas a deixar escrito algún verso da escritora, conformando todos eles en conxunto a súa faciana. O mural estivo no centro ata o 26 de febreiro e na súa composición puideron participar todas as persoas que o desexaron. Tamén na Biblioteca Rosalía de Castro se habilitou unha mostra bibliográfica sobre a escritora galega do 19 de febreiro ao 2 de marzo na que se visibilizaron os fondos dispoñibles dela neste centro.

O acto central de conmemoración do Día de Rosalía tivo lugar no campus de Ourense o martes 27 de febreiro. Nel leuse o manifesto desta conmemoración #AbrideAFiestra, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; entregáronse os galardóns do certame de microrrelatos; presenteouse a exposición Imaxes de Rosalía, realizada por alumnado de Educación Infantil, e vsionouse unha peza sobre a elaboración do mural feito na biblioteca. Pechou o acto unha intervención musical de Xosé Constenla e unha lectura poética aberta á comunidade universitaria. O acto foi ás 12:00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro.

Aquí pode consultarse unha reseña sobre o acto publicada na Universidade de Vigo.

Por outra banda, a A. C. Auriense organizou un roteiro pola rúas do centro da cidade con saída da Castañeira e chegada aos xardíns do Padre Feijóo. Houbo lecturas, música e algunha que outra sorpresa:

Pazos de Borbén

Pontevedra

A Deputación de Pontevedra organizou unha lectura institucional, que tivo lugar o venres 23 ás 11:30 no vestíbulo do Pazo provincial, coa presenza de oito mulleres. Abriu a quenda a autora Eva Mejuto, en representación da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega, que foi a encargada de ler o manifesto desta edición titulado ‘Abride as fiestras', da autoría de María Reimóndez. Seguiu Mª de los Ángeles Lorenzo Prego, vicepresidenta do Consello Territorial da Once en Galicia, que leu un poema escrito en braille.  No ámbito da discapacidade tamén participaron representantes de XOGA, a organización de persoas xordas de Galicia, sendo Raquel González Novelle quen leu o poema en lingua oral, mentres a presidenta da organización, María Jesús Monterde, realizou a lectura simultánea en lingua de signos.

Santiago de Compostela

Viana do Bolo

Caldo de gloria (Fundación Rosalía)

A Fundación Rosalía de Castro propuxo esta actividade. Toda a información aquí.

 

 

Madrid

O sábado 24 tivo lugar unha procesión cívica que saiu, a partir das 18:00 da Cafetería Santander, en Santa Bárbara, coa compañía prevista de gaiteiros ata a rúa Ballesta, onde residiu Rosalía en Madrid. Alí abriu o acto Vicente Araguas, Manuel Pereira Valcárcel leu o manifesto da AELG e logo as persoas asistentes recitaron poemas da autora. O acto finalizou en San Ildefonso, onde casaran Dona Rosalía e Don Manuel, cantando "Negra sombra".

Rede de Museos da Deputación de Lugo en JustMAD9 (Madrid)

Escocia

Este foi o vídeo preparado desde a Universidade de Edimburgo para celebrar o Día de Rosalía de Castro, onde se le "Campanas de Bastabales" en 21 linguas diferentes. Compartiuse a través das redes sociais tanto polas e polos participantes, como polas contas de Twitter e Facebook da universidade. Pode verse aquí. Tamén pode descargarse o vídeo nesta ligazón.

Irlanda

Desde o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Cork. Adiós ríos... en galego, gaélico irlandés e inglés. Intérpretes: Karen Odonovn, Matt Finerty, Erin Brightwood.

 


Actividades nos centros de ensino

Estes son os centros que nos comunicaron a súa participación:

  • CEP Carlos Casares, en Alxén (Salvaterra).

  • CEIP Ponte dos Brozos, Arteixo.

  • CEIP Torre-Cela de Bueu. Durante toda a semana traballouse nas aulas a figura literaria da Autora, escoitando as súas obras musicadas por diferentes autores e durante a hora de ler estos días contamos cunhas mochilas viaxeiras especiais: agochan no seu interior obras de Rosalía. Máis información aquí.

  • CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño. Poden verse aquí e tamén nesta ligazón as actividades realizadas.
  • CEIP de Caión.

>

  • CEIP Mosteiro de Caaveiro, A Capela.

  • CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril.

  • CEIP Curros Enríquez, da Coruña.

  • CEIP de Foz, número 1. 

    O alumnado de sexto de Educación Primaria fixo unha selección de poemas de Rosalía e fóronnos ler á Avenida da Mariña da nosa localidade con música de fondo de Amancio Prada e coa colaboración lectora de varios pais do centro.

    O alumnado de quinto de Educación Primaria en grupos de dous e tres alumnos acudiron ás diferentes aulas do centro ler poemas de Rosalía e facer unha ficha relacionada.

    O alumnado de cuarto de Educación Primaria seleccionou poemas de Rosalía, elaborou diversos murais para agasallar aos anciáns coa súa presentación.

  • CEIP Plurilingüe Lagostelle, de Guitiriz. As actividades para primaria foron a elaboración por cada alumna/o dun conto de peto con datos biográficos e algúns poemas de Rosalía, e a creación dunha rosa para que levaran de homenaxe a unha exposición sobre a autora no corredor do centro. O día 23 cada un levou para a súa casa a rosa e o conto de peto. Para infantil, cada nena/o pintou un debuxo que contaba cun pequeno fragmento dun poema de Rosalía, e cando os finalizaron realizaron un libriño con todos os debuxos sobre poemas da autora. Nalgunhas aulas fixéronse marcapáxinas con debuxos de Rosalía. O día 23 procedeuse a ler o manifesto por parte do alumnado e recitouse un poema de Rosalía, no que cada estrofa foi dita por unha aula diferente. Ademais, leuse un poema da autora traducido ao inglés. Despois do recitado realizouse a final do torneo de brilé en honor a Rosalía de Castro.

  • CEIP A Ponte, de Lugo.

  • CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos. Poden verse aquí e tamén nesta ligazón as actividades do Día de Rosalía 2018 neste centro.
  • CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, Narón.

  • CEIP Plurilingüe Isaac Parga Pondal, de Santa Cruz, Oleiros.

  • CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos. Tendo en conta o lema, deseñaron unhas contras similares ás do deseño, detrás das que o alumnado escribiu un poema (ou un fragmento), e o lugar da ventá foi ocupado por unha ilustración que ese poema lles inspirara. Podedes acceder á noticia sobre a actividade no blogue da nosa biblioteca.
  • CEIP Carlos Casares, de Nigrán.

  • CEIP Plurilingüe Profesor Albino Núñez, de Ourense.

  • CEIP de Ponte Sampaio.

  • CEIP Plurilingüe de Frións, Ribeira.

  • CEIP da Igrexa, As Somozas. Os nenos e nenas colorearon unha imaxe da autora e escolleron un dos seus poemas para escribir arredor desa imaxe. Posteriormente levaron o traballo para casa para compartir coa súa familia, padriños e madriñas lectores, afillados/as e entre todo o alumnado xunto. Por último, abrimos a fiestra.

  • CEIP Os Tilos, Teo. Para conmemorar o Día de Rosalía de Castro 2018, o EDLG, coa colaboración do equipo da biblioteca, extraescolares e TICS, sumáronse ás actividades propostas pola AELG, para o que pediron a colaboración das familias do colexio. Ao longo da semana, o alumnado foi elaborando uns soportes con algún elemento iconográfico de Rosalía e algún verso ou estrofa dela. Máis información aquí.
  • CEIP Saco e Arce de Toén. Poden verse todas as actividades nesta ligazón.

  • CEIP Barrantes, Tomiño.

  • CEIP Eduardo Pondal, Vigo.

  • CEIP Párroco don Camilo, Vigo. Poden verse as actividades realizadas aquí e tamén nesta ligazón.

  • CEIP Seis do Nadal, de Vigo. Poden verse as actividades realizadas aquí.
  • CEIP Sobreira Valadares, de Vigo. Aquí poden consultarse as actividades do Día de Rosalía 2018. Alumnado, profesorado e persoal do Centro compartiron o visionado da vida de Rosalía, esta vez escolleron un vídeo feito polo alumnado do IES. Cada titoría recitou poemas e entregou un ramo de flores. Ademais, na biblioteca penduráronse as fiestras con cada un.
  • CEIP Antonio Pedrosa Latas. Celeiro, Viveiro. Aquí poden verse as actividades coordinadas pola Biblioteca Escolar Bibliosoños e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

  • Colexio Eduardo Pondal, de Cangas do Morrazo.
  • Colexio Divina Pastora Franciscanas, Ourense.

  • Colexio San Pío X, Ourense.

  • Colexio La Merced, Sarria.

  • Colexio Miralba de Vigo. O venres 23 de febreiro, ademais de obradoiros e dun espectáculo lúdico-musical, tivo lugar a lectura de textos de Rosalía de Castro (sobre as 11:30-12:00). Participaron n no encontro 200 alumnas e alumnos de 5º de Educación Primaria.
  • CPI As Revoltas, Cabana.

  • CPI de Cuntis.

  • CPI Pontecarreira, de Frades. Realizamos lecturas de Rosalía durante esa semana. Chegaron fotos enviadas polas familias, ademais de construír a Casa de Rosalía na entrada do cole, chea de fiestras para que, por cursos ou ou grupos de alumnos, enchermos ditas fiestras de poemas da autora. Aquí poden verse xa varias fotos.

  • CPI Terras de Maside.

  • CPR Ludy de Ferrol.

  • CPR Nuestra Señora del Carmen, de Fisterra.

  • CPR Cardenal Cisneros (Ourense).
  • CPR San José de Pontedeume. Unha alumna, caracterizada de Rosalía, leu no patio o manifesto, mentres que o resto do alumnado levou unha máscara da autora. En cada aula tamén se traballaron textos rosalianos.

  • CPR Colegio Vigo.

  • C.P.R. Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa.

  • EEI de Vilalba.

  • IES Aquis Celenis de Caldas.
  • IES de Rodeira en Cangas. 

  • IES Lamas de Castelo, de Pedrafigueira, Carnota. Celébrase desde hai moitos anos o Día da Poesía en febreiro por asocialo á figura de Rosalía de Castro. Este ano, organizouse un sinxelo recital no que participou parte do alumnado e algún profesorado voluntariamente. Editouse tamén un boletín especial de recomendacións sobre a obra de Rosalía. Elaborouse unha serie de marcapáxinas para agasallar os participantes

  • IES Agra de Raíces, de Cee.

Para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, no IES "Agra de Raíces" de Cee, levaron a cabo,o venres 23 de febreiro, estas actividades:

- Lectura en todas as aulas dos poemas de Rosalía de Castro: "Tecín soa a miña tea" e "Unha vez tiven un cravo" de Follas Novas e "Adiós ríos, adiós fontes" de Cantares gallegos.

- Nun grupo de 1º ESO, actividade "Ilustrando poesías de Rosalía": a) división en cinco subgrupos que leron, respectivamente "O pazo d'A...", "Agora cabelos negros", "Vanidade" e "Meses de inverno fríos" de Follas Novas e "Campanas de Bastavales" de Cantares gallegos; b) cada subgrupo fixo nunha cartolina grande un debuxo co que ilustrar a súa poesía.

- Lectura en todas as aulas do relato "Falar" de Made in Galiza de Sechu Sende.

- Audición en todas as aulas do poema "Deitado frente ao mar" de Celso Emilio Ferreiro interpretado polo grupo de música rap Dios ke te crew.

  • IES Manuel García Barros (A Estrada).

  • IES Laxeiro, de Lalín.

  • IES Leiras Pulpeiro de Lugo. O alumnado de ESO e BAC enviou postais de Rosalía de Castro na que escribiu versos da autora. As postais foron franqueadas e remitidas a familiares, amizades… que viviran en distintos lugares do planeta.

  • IES Plurilingüe Fontexería, en Muros (desde o EDLG). O alumnado de 1º da ESO ata 2º Bac escribiur en folios de cores frases/versos de Rosalía que logo se pecharon cunha cinta para logo ser entregado xunto ao texto e unha rosa en diferentes lugares da vila de Muros, coa axuda do Concello, o venres 23.
    Xa no centro, expuxéronse os traballos do alumnado de 4º ESO e 1º Bac TICs: montaxes da imaxe de Rosalía sobre obras de arte, persoeiros coñecidos ou carteis de cinema, actividade que recibiu o nome de "Rosalíarte". Poden verse as actividades aquí. Poden consultarse nesta ligazón todas as actividades realizadas.
  • IES As Insuas de Muros. Graváronse vídeo poemas, recitados e lectura, así como a interpretación musicada por parte de dúas alumnas que decidiron poñer acordes a un dos textos de Rosalía. Na entrada do centro escoitáronse e proxectáronse poemas musicados por diferentes cantaur@s, con exposición das súas obras.
  • IES Miraflores, de Oleiros.
  • IES de Ortigueira.

  • IES O Couto, Ourense.

  • IES do Camiño, de Palas de Rei. Este curso, para socializar a figura e a obra de Rosalía, levouse a cabo a actividase "Postais para Rosalía".

  • IES Félix Muriel, de Rianxo.
  • IES Nº 1 de Ribeira.
  • IES Cosme López Rodríguez, A Rúa. Poden verse as actividades feitas neste centro aquí.
  • IES de Salvaterra. Poden verse as actividades levadas a cabo aquí.

  • IES Arcebispo Xelmírez II, de Santiago de Compostela.
  • IES Xograr Afonso Gómez de Sarria.

  • IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo. O venres 23 celebrouse un recital poético-musical co alumnado de Secundaria e Bacharelato.
  • IES Carlos Casares, de Vigo.

#AbrideAFiestra. O Día de Rosalía de Castro nas redes sociais

 

 


Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino

 

Para expandir o poder da palabra de Rosalía de Castro entre a xente nova, a AELG convidou a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG:

 

Educación Infantil e Primaria

Para estas etapas de ensino o lema da proposta #AbrideAFiestra pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno facerse cómplice da Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra,  propoñemos para o venres 23 de febreiro que cada alumna/o elabore, nun soporte que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior dos vidros das fiestras (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente. 
Esta iniciativa pretende ademais que o alumnado comparta esta celebración coa súa familia e veciñanza. Para isto faríanse fotos do alumnado, acompañado ou non das súas persoas maiores, portando entre ambos outro pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno e mostrándoo nesas fiestras que, coa axuda de Rosalía, abrimos a un mundo e un tempo novo.
A documentación gráfica xerada por estas actividades sería subida á rede polo centro de ensino e polas familias antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #AbrideAFiestra. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais. 


Educación Secundaria e Bacharelato

Propoñemos para o venres 23 de febreiro a escenificación e gravación de mostras visibilizadoras da obra rosaliana que sigan o fío do lema #AbrideAFiestra, de xeito que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía e contribúa a espallala colectivamente, quebrando os muros herméticos e escuros que noutro tempo a silenciaron. Para estes efectos, suxerimos traballar sobre o texto do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro.

Estas accións, en calquera formato que prosperen, serían subidas polo centro á rede antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #AbrideAFiestra. Desde a web e as redes da AELG contribuiriamos a as expandir.

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.
Agradecemos que nos comuniquedes (oficina@aelg.org) a vosa intención de participar desta iniciativa, para a facer constar na nosa web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual...) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.

 

Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro

 

A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa, e xa aprobaron a moción os seguintes concellos:

Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Bergondo, Bueu, Burela, Betanzos, Cambados, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, A Coruña, Entrimo, A Estrada, Fisterra, Foz, A Guarda, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, O Rosal, A Rúa de Valdeorras, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.