5 de maio de 2007
Foto da actividade

 

A Cerimonia de entrega dos premios aos/ás gañadores/as na xa tradicional Cea das Letras celebrouse ás 21.00 do sábado 5 de maio, no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela (vexa aquí como chegar), e materializáronse nunha pluma estilográfica e nun gravado de Manuel Facal.

 


 

Nesta edición incorporouse a novidade de estabelecermos dous novos premios, para así engadir o de Literatura Infantil e Xuvenil, en colaboración con Gálix, e o de Mellor Traxectoria Xornalística, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Que se suman aos de Teatro, Narrativa, Poesía, Ensaio e Tradución, co obxectivo de que o galardón ofreza unha visión mais ampla e xusta do panorama literario galego.

 


 

Así mesmo, estabeleceuse un novo premio para Institucións que se caractericen polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais. Propúxose, para esta primeira edición, á Radio Galega, polo programa Diario Cultural, que co seu apoio incondicional ás letras galegas desde hai moitos anos tanto ten axudado á dignificación da nosa profesión.

 


 

Resolveuse conceder ao escritor angolano Artur Pestana, Pepetela, o Premio AELG 2007 “Escritor Galego Universal”, galardón internacional para significar aqueles autores/as cuxa obra e personalidade conteñan un alto contido ético e estético que os/as convirtan nun referente para o seu pobo na defensa da dignidade nacional e humana. Premio que recolleu persoalmente durante a Cea das Letras da man da Conselleira de Cultura e Deporte, Dona Ánxela Bugallo.

Para coñecer mellor o noso "escritor galego universal", vexa a seguir os seguintes documentos elaborados polos profesores da USC, Felisa R. Prado e J. Carlos Quiroga:

Biografías                 Bibliografía                     Entrevistas co autor

 


 

Estas foron as palabras do Presidente da Aelg.

 

Velaquí a listaxe de finalistas deste ano, na que se destacan en cor os gañadores/as de cada modalidade:

 

LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

 

 

A cova das vacas mortas

Santiago Jaureguízar

Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2006, novela sobre a asunción de responsabilidades, propias e colectivas.

 

A sombra descalza

An Alfaya

Premio Lazarillo 2005, é unha emocionante novela onde a tensión dramática e a intriga histórica nos levan á recuperación da dignidade da muller.

 

Abracadabras

Marica Campo

Obra gañadora do III Premio Arume de Poesía para nenos e nenas,  pon ao seu alcance nunha versificación moi precisa a tenrura e a maxia das palabras a través dunha grande riqueza léxica.

 

Cartas de amor

Fran Alonso

Cartas escritas por mulleres que dan conta das difíciles circunstancias que viven. Sen didactismo e con sinceridade, un canto á vida e á loita pola dignidade.

 

Corredores de sombra

Agustín Fernández Paz

Novela onde a investigación do misterio se revela un camiño iniciático.

 

Lóbez

Antonio Yánez Casal

Gañadora do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2006. Partindo do universo do conto popular, propón con humor a transformación do mundo por parte dos individuos diferentes.

 

Poetízate

Fran Alonso

Unha antoloxía poética de sobre 200 poemas que nos leva cara unha lectura intuitiva e emocional.

 

 

TEATRO

 

 

 

Binomio de Newton/García

 Cándido Pazó

Dúas pezas, Binomio de Newton e García,  Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal, escritas con plena vocación escénica.

 

Medidas preventivas

 Gustavo Pernas

Cinco pezas teatrais coas que o autor lanza unha mirada irónica e crítica  sobre as novas relacións e comportamentos sociais.

 

 

ENSAIO

 

A terra cantada

Camilo Nogueira Román

Antoloxía de textos políticos que dan conta do nacionalismo concibido como forza de liberdade, progreso e independencia.

 

Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra

Manuel Forcadela

Premio Ramón Piñeiro de Ensaio Breve,  que achega unha interpretación do Realismo Máxico como realización literaria dun pensamento europeo e galego.

 

Memoria de poeta

Xosé María Álvarez Cáccamo

A aprendizaxe da vida e do oficio de poeta nun libro de memorias que os Socios e Socias da Aelg elevaron á categoría de Ensaio.

 

O suxeito postmoderno. Entre a estética e o consumo

Rebeca Baceiredo

Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2005 que á luz da ciencia e da filosofía aborda a diminución das capacidades racionais do individuo contemporáneo exposto á sobreabundancia e superficialidade da información.

 

 

TRADUCIÓN

Brooklyn Follies

 Paul Auster

 Eva María Almazán García

Versión galega que consegue recrear as diferencias dialectais e de rexistro do orixinal, mantendo vivo o sentido do humor do autor.

 

Molloy

 Samuel Beckett

 Anxo Adolfo Rei Ballesteros

Publicada en francés en 1951, esta tradución ao galego recolle o comezo do proceso de destrución da linguaxe que supuxo a destrución da novela convencional.

 

Soños nos cantís

 César Antonio Molina

 Tareixa Roca

Antoloxía de tres décadas de poesía nunha versión galega que reflicte, sen que gañe nin que perda, o sentido atlántico e mediterráneo da maioría dos poemas.

 

 

NARRATIVA

dz ou o libro do esperma

  Samuel Solleiro

Cunha narración áxil e unha ironía productiva en torno á condición masculina, este conxunto de relatos usa a trama como excusa para a evocación e a aprehensión de emocións.

 

Licor de abelá con xeo

 Xurxo Sierra Veloso

Finalista do Lueiro Rey de Novela Curta 2005, é unha novela crítica pero cordial, coa intención de rir un pouco á conta das seriedades do sistema literario.

 

O club da calceta

 María Reimóndez

A autora dálles voz a mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidades a forza para superar un presente que as nega ou minusvalora.

 

Os libros arden mal

 Manuel Rivas

A dramática historia da Cultura ao longo do tempo, unha novela de suspense na que as sospeitas e os crimes fican marcados na linguaxe.

 

 

 

POESÍA

 

 

A esmeralda branca

Manuel Vilanova

Un roteiro espiritual e relixioso de emocións e sentimentos para romper un silenzo poético en galego de máis de 20 anos.

 

As complexas mareas da noite

María do Carme Kruckenberg

Un dos libros máis existenciais da autora nos que así e todo conserva a capacidade crítica e actitude activa fronte aos golpes da vida individual e colectiva.

 

Éxodo

Daniel Salgado

Poemario no que se funden o discurso poético e o social, nun exercicio de resistencia política e literaria.

 

O pan da tarde

Xavier Rodríguez Baixeras

O estremecemento ante o paso do tempo e a memoria como ponte de acceso e reconstrucción da felicidade.

 

Os hemisferios

María do Cebreiro

A conversa entra na poesía para falar da incomunicación na sociedade da información, da diferenza, da dificultade do encontro.

 

Para unha luz ausente

Xavier Seoane Rivas

Gañador do último Espiral Maior, un poemario vitalista no que desde o amor maduro se presinte o amor máis aló da morte e mais a preocupación pola perda da vida compartida.

 

 

 

 

 

MELLOR TRAXECTORIA XORNALÍSTICA

Alfredo Conde
Antón Lopo
Bieito Iglesias
Gustavo Luca de Tena
Manuel Rivas
Rosa Aneiros
Xan Carballa
Xesús Fraga
Xosé Luís Méndez Ferrín