MARCOS VALCÁRCEL. Ourense, 1958. Historiador.
Doutor en Xeografía e Historia, especialidade Historia Contemporánea. Catedrático de Lingua e Literatura Galegas no Ensino Medio, impartiu as súas clases no Instituto A Carballeira de Ourense. Fixo a súa tese doutoral sobre a vida política e a conflictividade social nos anos da Segunda República en Ourense, dirixida por Ramón Villares Paz.
Foi presidente fundador do Clube Cultural Alexandre Bóveda de Ourense, sendo un dos seus principais impulsores (1990-2001). Dirixiu a Sección de Literatura do Liceo de Ourense. Participou tamén, en diferentes períodos, nas directivas das Asociacións Culturais O Galo e O Eixo (Compostela), Auriense (Ourense) e Federación de Cine-Clubes de Galicia.
Nos seus traballos de investigación adicou maior atención á historia política nos anos 1900-1936 e ó estudo do galeguismo, ademais de abordar temas relacionados cos medios de comunicación galegos e coa obra dos escritores ourensáns.
Entre os seus libros e colaboracións cómpre destacar:
- [1987] A prensa en Ourense e a súa provincia. Catalogación e estudio (Ourense, Deputación Provincial).
- [1992] Edición e estudio introductorio do volume Dos años de agitación política (Basilio Álvarez no Parlamento) (Sada, Ed. do Castro).
- [1988] Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (Vigo, Ir Indo). (En colaboración con Xosé R. Quintana).
- [1995] Edición das Obras completas de Xabier Prado Lameiro (Concello de Ourense). (En colaboración con Begoña Muñoz).
- [1996] A cidade da xeración Nós (Ourense, Caixa Galicia).
- [1998] Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (Ourense, Caixa Galicia).
- [1995] Foi ademais coautor con Victoria Carballo-Calero Ramos e Javier Suances, do volume La transformación de una ciudad. Orense (1880-1936), editado polo Concello ourensán.
- [1994-1997] Foi responsable da Fotobiografía de Xesús Ferro Couselo (Vigo, Ed. Xerais, 1996) e da edición crítica de O libro dos amigos, de Otero Pedrayo (Galaxia, 1997) e do tomo adicado ó xornalismo das Obras Completas de Vicente Risco (tomo V, Galaxia, 1994).
- [1997-2000] Colaborador do Diccionario de Literatura Galega (Galaxia), nos tomos II (publicacións periódicas, 1997) e III (obras, 2000).
- Publicou diversos estudios histórico-biográficos sobre Basilio Álvarez, Portela Valladares e Roberto Blanco Torres.
- [1999] Autor de Ourense, a gran cidade literaria en A memoria de Ourense (Vigo, Xerais).
- [2001-2002] Colaborador dos tomos de Literatura Galega da serie Proxecto Galicia (Ed.Hércules, A Coruña).
- [2001] Autor de Eladio Rodríguez González. Vida e obra (Ed.Xerais, Vigo).
- [2001] Autor da escolma Ourense, craro río, verde sol. A cidade na voz dos seus poetas (Concello Ourense).
- [2002] Autor da antoloxía de textos Carlos Casares, punto de encontro (Concello Ourense), que recolle os primeiros artigos xornalísticos deste escritor.
- Coordinou, asimesmo, os volumes Juan de la Coba y Gómez (1829-1899). Antoloxía de textos (Concello Ourense, 1999); Castelao no seu tempo: unha perspectiva ourensá (Concello Ourense, 2001), ambos na colección Auria; e Eduardo Blanco Amor fotógrafo (Ourense, Clube Alexandre Bóveda, 1993); O fillo da florista. 34 retratos de Eduardo Blanco Amor (Ourense, Clube Alexandre Bóveda, 1998) e Don Xoaquín Lorenzo no fío de Nós. Artigos e entrevistas (Concello Ourense, 2004).
- En Congresos (Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro, Universidade de Santiago, etc.) e volumes colectivos ten ademais estudios publicados sobre temas literarios e históricos como os que seguen: Revistas literarias das Vangardas en Galicia (1997). Xornalismo de Vicente Risco (1995). Xornalismo de Blanco Amor (1997). Xornalismo de Xesús Ferro Couselo (1996). As claves do xornalismo de Valentín Lamas Carvajal (1999). O papel das élites na Galicia republicana: o exemplo ourensán (1997). A dereita galeguista na puralidade ideolóxica do nacionalismo de preguerra (2000). A República e os poetas: o compromiso dos escritores que militaron no republicanismo de esquerda en Ourense (Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero (Universidade Santiago, 2000).
- Colaborador de case todas as revistas e xornais galegos, tivo seccións fixas en O Correo Galego ("Pé das Burgas", desde 1994) e La Región de Ourense. Hoxe mantén unha breve sección diaria en La Región ("Pan por Pan"), desde hai varios anos, e a sección tamén diaria "Andoliña" en Galicia Hoxe (contraportada), ademais dunha reseña semanal de crítica literaria ("Ronsel dos Libros") e unha páxina cultural dominical na prensa ourensá ("As uvas na solaina"). Ten merecido os premios de xornalismo José Aurelio Carracedo (Deputación Ourense, 1996) e González Tojal (UXT-Ourense, 1998).
- Os seus últimos volumes publicado son Xaquín Lorenzo. Vida e Obra , Xerais, 2004, e Xoaquín Lorenzo, colección Merlín (Xerais, 2004).