(1962 - 2017)

Paco
Souto

A Coruña, 1962. Coeditor de Letras de Cal e dos cartóns Edicións do Dragón, onde publicou con Adriana Castro Dous Bocetos e con Fran Alonso e Miro Villar A rota dos Baleeiros. Autor da peza teatral “Amar non ten Laranxas” nos Cadernos da E.D.G. 1994. Obtivo, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do concello de Bueu 2006 por As horas de María, ambos publicados por Espiral Maior. Participou en exposicións colectivas e individuais, ilustrou libros e colaborou en diversas montaxes teatrais. Desde 2006 conduciu un programa de literatura en Radio Roncudo, a única radio libre da Costa da Morte. En 1993 realizou xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América; no 2001 creou Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizaron Como augas de maio. E en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A. C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reunía pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira.

Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á música e a fotografía de Peter Schneider asinou Tempo escuro. En 2015 daban ao prelo Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editaron o CD Proxecto Barro, parte dun espectáculo multidisciplinar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño.

Publicou e Caín, libro co que a editora Laiovento iniciou a súa colección de poesía Ventoalto.

Dirixiu con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón. onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas, que veñen de chegar á súa X edición.

[Decembro, 2015]