Olga Patiño Nogueira. Profesora, poeta, actriz e directora de teatro. Ten colaborado en revistas e xornais, ademais de coordinar o libro de artista Poema dos Caneiros con textos de Uxío Novoneyra e gravados de Jesús Núñez. A súa obra poética abrangue Latexos fragmentados (2002), Atmosferas (2007) poemario ilustrado por o gravador José Valentín, Tempo en desuso (2008), Natureza Haiku - Libro de Artista : proxecto conxunto coa pintora Isabel Pintado e a escultora Soledad Penalta (2010), Silencio habitado (2013). Traduciu ao galego a obra de teatro -Fando e Lis- do dramaturgo Fernando Arrabal. Escribiu o apuntamento teatral: - Mulleres fronte ao espello-(Revista Teatral Casahamlet). Figura nas antoloxías O trazo aberto, Negra Sombra, Alma de beiramar, Do máis fondo saen voces, As pegadas do Camiño: un camiño solidario, Flying Carpet, 47 poetas cantan a Curros Enriquez, A Coruña: Á Luz das Letras, Entremiradas, Estampas e Poemas: Libro escultura, En defensa do Poleiro, Sentimentalismo (Movemento de Vangarda. Etapa de Fundación), A cidade na poesía galega do século XXI, Las mejores historias de amor, Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega, Las mejores poesías de amor, Amores infieles en el salón de las voces vírgenes, La primera vez... que no perdí el alma, encontré el sexo, Amor fou, ebrio desván de amores locos, Inmortal amor mortal (De la ceniza, la máscara), Imposible no comerse (en el volcán de los amores canallas), Un tiempo fuera del tiempo (El baile del infinito), Versos no Olimpo: O monte do Pindo na poesía galega, 10 Poemas e unha carta para Felipe Criado, A miña luzada iluminaranos a todas (Implicadas no desenvolvemento), Os aforismos do riso futurista, Poetas na cociña. Neste momento está a traballar nun novo poemario FisterraIstanbul (non é un lugar, é unha emoción), no conto “NOALBA: a terra do sol-aluado”, e tamén en Microrrelatos (relatos bonsai).
[Xaneiro, 2021]
Olga Mª Patiño Nogueira, coruñesa, profesora no I.E.S. "Fernando Wirtz" da Coruña, paralelamente a súa vida profesional realiza as seguintes actividades: Poeta actriz e directora de teatro. Colaboradora con artigos e entrevistas nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso. Publicáronse poemas seus nas revistas literarias: Luzes de Galiza, Xanela, Clave Orión e no Anuario Brigantino.
Coordinadora do libro Poema dos Caneiros (Poema: Uxío Novoneyra/Estampas: Jesús Núñez). Traduciu ao galego a obra Fando y Lis de Fernando Arrabal. Colaborou como relatora nas XX Xornadas do Ensino organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
O seu texto "O souto de Uxío" forma parte da carpeta homenaxe a Uxío Novoneyra que preparou a Asociación Cultural "O Galo" de Santiago.
Organizadora xunto con Xulio Valcárcel e Luciano Rodríguez das "24 horas de Poesía". Participa na carpeta de poemas e gravados Muller e mar do pintor Julio Fernández Argüelles. Colaborou no recital de música e poesía, en Betanzos, clausurando o XVI curso de verán de "Gráfica 2000" do C.I.E.C. Fixo o Pregón da "IV Feira Franca Medieval" de Betanzos (xullo de 2001). Participou na homenaxe ao poeta Manuel Curros Enríquez que tivo lugar na Coruña no teatro Rosalía de Castro no mes de setembro de 2001 e no libro 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez.
O 14 de novembro de 2002 foi a presentación do seu poemario Latexos fragmentados con limiar de Luz Pozo Garza e ilustracións de Antón Sobral. Este poemario tamén se presentou en diversas cidades galegas e na Feira do Libro da Coruña.
En xaneiro e febreiro de 2003 participa nos recitais: A cor do mar e Lectura de textos do mar e para o mar (recital este último programado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega). Publica poemas nos poemarios colectivos: O trazo aberto (poesías e debuxos) Negra Sombra e Alma de beiramar, estas dúas últimas colaboracións forman parte da intervención poética contra a marea negra.
Contribuíu no proxecto internacional "Flying carpet 1000 mulleres" (women united in one work) que dirixe dende Galicia a artista belga (gravadora) Anne Heyvaert.
Dentro das xornadas Territorios da Poesía organizadas pola Universidade da Coruña, participa nunha mesa redonda e no Museo de Belas Artes interpreta o papel de Medea na lectura dramatizada do poema "Medea en Corinto" de Luz Pozo Garza, no que tamén participaron a propia autora, Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.
Participou en varias homenaxes á poeta Luísa Villalta.
Colabora no libro colectivo As pegadas do camiño: un camiño solidario que a ONG "Loita contra a fame" presentou en diversas cidades galegas. Neste proxecto interveñen artistas plásticos e escritores e está baseado na experiencia de facer todos xuntos o Camiño de Santiago, dando como resultado a formación do colectivo #Cultura Solidaria Galega#.
Durante o 2005 intervén no recital organizado polo concello de Betanzos para conmemorar o Día internacional da muller traballadora: Palabras de identidade. Na exposición de "O papagaio" de Maribel Longueira con poemas de Luísa Villalta, colaborou no recital poético xunto con Luz Pozo Garza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Francisco X. Fernández Naval e Maribel Longueira.
Contribuíu cun poema no recital de denuncia colectiva sobre "As nosas fillas de Juárez".
Ao longo de 2006 presentou a obra poética de Eva Veiga A luz e as súas cicatrices, Dibujas ausentes de Antonino Nieto Rodríguez e a última obra do poeta mexicano Roberto Reséndiz Carmona.
Así mesmo formou xurado nos seguintes concursos literarios: o de Narración breve na Coruña, o infantil-xuvenil en Betanzos e o de Relatos breves en Noia.
Colaborou co gravador Xosé Valentín na exposición Latexos: gravados e poemas en xuño de 2006.
Participou no I Festival Internacional de Poesía Cidade de Betanzos [Homenaxe a Uxío Novoneyra] en agosto de 2006.
O 17 de maio de 2007, presentouse en Betanzos o libro Atmosferas (Poemas: Olga Patiño/Gravados: José Valentín), e no Auditorio de Caixa Galicia de A Coruña o 12 de xuño.
Actualmente está a preparar, xunto con Teresa Seara e Dores Tembrás, a lectura dramatizada do poema de Silvia Plath "Tres mulleres", está escribindo un conto infantil Noalba: Terra de donas, trasnos, druídas saxofonistas, papaventos que bican a lúa, ... [Narración en catro tempos: primavera, verán outono e inverno] e tamén está pendente da publicación do poemario: Tempo en desuso antes de rematar o ano.
[Xullo, 2007]