Manuel
Núñez Singala

Chámome Manuel Carlos Núñez Singala, aínda que en realidade todo o mundo me coñece polo meu inusual segundo apelido, Singala. Meu pai era galego, miña nai mallorquina e seica un antepasado materno proviña de Italia, lugar de orixe de apelido tan estraño. Algún día terei que investigar a súa procedencia máis aló das brumosas lendas familiares.

Nacín en Lugo en 1963 aínda que só vivín nesa cidade os meus tres primeiros anos, despois meu pai foi traballar a Vilalba e alí transcorreu a miña infancia e adolescencia. A Terra Cha é a miña primeira patria. Sempre fun un gran afeccionado á lectura, pero a miña inclinación pola escrita quizais lla deba ós certames literarios do instituto de bacharelato vilalbés, que me decidiron a comezar a escribir. Nese centro estreei tamén as miñas primeiras e adolescentes obras de teatro, ata tres montaxes coas que un grupo de amigos e amigas temos pasado moi bos momentos aló contra final dos anos setenta.

Despois vin estudar a Santiago a aquí me quedei. En Santiago coñecín á persoa que hoxe comparte comigo a súa vida e aquí naceron tamén os nosos fillos. Compostela é, pois, a miña segunda patria. Rematei filoloxía galega e traballei no Parlamento de Galicia, na Xunta e finalmente, desde hai xa bastantes anos, na Universidade de Santiago de Compostela, onde dirixo o Servizo de Normalización Lingüística.