(Asados, Rianxo, 1974) Doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre os anos 1998-2000, traballou como contratada no proxecto “Informes de Literatura” do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, no que segue a colaborar noutros proxectos do eido literario. É membro do Grupo “Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Lecturas textuais e visuais” (LITER 21), da Universidade de Santiago de Compostela, e membro da secretaría da Rede Temática de Investigación “As literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico e iberoamericano” (LIJMI), ademais de ser presidenta da Asociación de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-GALICIA. Participou en mestrados, congresos, encontros e xornadas sobre literatura infantil e xuvenil e sobre literatura galega en xeral, sobre as que tamén escribiu en volumes, catálogos, revistas e xornais. Foi docente na Universidade de Deusto, na Universidade de Santiago de Compostela e en diferentes centros de ensino secundario de Galicia. Na actualidade exerce a docencia na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra (Universidade de Vigo).
[Febreiro, 2018]