Natural de Portosín, Mestra, Graduada social, Licenciada e doutora en Filosofía y Letras pola Universidade de Santiago de Compostela. É Catedrática de EU, da materia literatura galega, na Faculdade de Ciencias da Educación da Universidade compostelá onde imparte aulas de Literatura e Literatura infantil galega, Textos Literarios e Literatura de transmisión oral.
A súa tese de licenciatura titulouse Análise da narrativa da colección Lar e a de doutoramento A Literatura infantil e xuvenil galega. Perspectiva diacrónica e análise da actualidade (microficha 560 da Universidade de Santiago).
Actualmente dirixe un proxecto de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades que se materializa todos os anos na publicación, en papel primeiro e logo en CD-Rom e na web do Centro (www.cirp.es), dos Informes de Literatura. Forma parte do Equipo Glifo, encargado da realización neste momento do Diccionario de termos do que xa se publicaron os tomos (a-d) e (e-h) e do Diccionario do Rexurdimento do que se están realizando correcións para a imprenta. Dirixe unha Rede temática sobre as literaturas infantis e xuvenís e a formación lectora no marco ibérico. Cos compañeiros e compañeiras da REDE participa en proxectos e reunións, individualmente tamén o fai en congresos nacionais e internacionais e en cursos varios.
Colaborou con diversos traballos en libros colectivos e en revistas como Dorna, Boletín Galego de Literatura, Quimera, Ínsula, Coloquio Letras, Chorimas, Fadamorgana, Revista galega do ensino, Malasartes, Ocnos, etc., nos que tratou temas sobre literatura galega e literatura infanto-xuvenil; realizou diversas edicións de obras de autores galegos do XIX e principios do XX. Traduciu ao galego obras de creación de autores infantís e de ensaio. Coordinou Guías literarias e Antologías. Publicou libros como Magariños Negreira. Un home da Época Nós, Poesía infantil e xuvenil en galego, Antón Avilés de Taramancos, Carlos Casares, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas....