Fernando
Arribas Arias

Doutor en Filosofía e Antropoloxía pola USC, Licenciado en Humanidades pola Universidade de Santiago de Compostela e Diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica. Membro da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia en Lugo en representación do Consello da Cultura Galega, traballa como Responsable de Difusión da Rede Museística Provincial de Lugo. Na actualidade é o Presidente da Asociación de Amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas de Galicia e Secretario da Asociación de Amigos de Sargadelos.

Conferenciante e investigador, preferentemente sobre arte, cine e etnografía, é autor de diversas publicacións entre as que destacan os seus libros O cine en Lugo: 1897-1977: Notas para unha historia cinematográfica; O cinematógrafo nas festas de San Froilán (1898-1930) e A publicidade das festas de San Froilán: programas e carteis (1877-2011), este último en colaboración con Teresa Pena Moreda. Colaborador habitual do Boletín do Museo Provincial de Lugo, así como de outras publicacións períódicas, comeza a súa relación co mundo dos cruceiros en 1984 como coautor do Catálogo de cruces, cruceiros e petos de ánimas do concello de Lugo. Desde 1993 (xunto con J. M. Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez) traballa no Proxecto Carboeira que ten por obxectivo o inventariado e catalogación de todo estes de monumentos na Terra Chá. Froito deste traballo son os libros: Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei (1998), Cruceiros de Guitiriz (1999), Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade (2000), Cruceiros, Cristos e Cruces da Pastoriza (2002), Cruceiros, Cristos e Cruces de Xermade (2004), Cruceiros, cristos, cruces e esmoleiros de Abadín (2007), Cruceiros, cristos e cruces de Muras (2009) e Cruceiros de Vilalba (2012).

Dende o ano 2014, está realizando o inventario e a catalogación dos cruceiros, cruces e petos de ánimas da Ribeira Sacra lucense, zona que comprende os concellos de Portomarín, Taboada, Paradela, Chantada, O Saviñao, Carballedo, Pantón, Monforte de Lemos, Sober, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil e Quiroga.

Tamén traballa na actualización do catálogo de cruceiros, cruces e petos de ánimas do concello de Lugo.

En 1987 foi gañador da XIII edición do Premio Manuel Mato Vizoso (xunto con Antornio Reigosa e Xoán R. Cuba), ex aequo, convocado polo Concello de Vilalba polo artigo Cruces, cruceiros e petos de ánimas da bisbarra chairega.

En 1999 foi distinguido, xunto con J. M. Blanco Prado, co Premio Cal da Loba otorgado polas Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego.

[Abril, 2016]