Helena González Fernández (Vigo, 1967)
É profesora titular de literatura galega na Universidade de Barcelona e investigadora do Centre Dona i Literatura. Doutorouse no ano 1999 nesta universidade cunha tese sobre a poesía galega contemporánea escrita por mulleres. Publicou varias monografías e artigos sobre literatura galega de mulleres, poesía galega e literatura contemporánea.
Entre os seus traballos recentes destacan Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación (Xerais, 2005), a súa colaboración no libro Escrita e mulleres. Doce ensaios arredor de Virginia Woolf (Sotelo Blanco, 2003), coordinado por Belén Fortes, o Diccionario da Literatura Galega (4 vols., Galaxia, 1996-2002), dirixido por Dolores Vilavedra, e a edición dunha antoloxía trilingüe (galego-español-inglés) da poesía galega dos anos 90, A tribo das baleas (Xerais, 2001).
Forma parte do consello de redacción do Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos e é codirectora de Lectora. Revista de Dones i Textualitat. Colabora no Diario Cultural da "Radio Galega" e fai crítica de poesía na revista Grial.
[Outubro, 2006]