Antonio
Reigosa

NOTAS BIOGRÁFICAS

Antonio Reigosa Carreiras (Zoñán, Mondoñedo, 1958). Na actualidade é Responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo. Cronista Oficial de Mondoñedo desde xaneiro de 2015. Escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular, da literatura de tradición oral e da cultura oral.

Cofundador, con Mercedes Salvador, Ofelia Carnero e Xoán R. Cuba, do Grupo de Investigación Etnográfica Chaira (Premio 15ª edición dos Encontros na Terra Cha da As. Cultural Xermolos) cos que realizou numerosos traballos de campo en diferentes concellos da provincia de Lugo: Abadín, Vilalba, Begonte, A Pontenova, Chantada, A Fonsagrada. Creador e coordinador da enciclopedia virtual Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com). Coordina as revistas orais O pazo das musas (Museo Prov. de Lugo) A voz dos carraos (Museo Prov. do Mar, San Cibrao, Cervo) Castronela (Museo Fortaleza San Paio de Narla, Friol) e A voz dos lemavos (Museo Pazo de Tor). Como vogal responsable de literatura de tradición oral da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) coordina os proxectos “Polafías” e “Mestres da memoria” creados para documentar e divulgar os valores da oralidade e da cultura popular.

Coordina con Isidro Novo as Xornadas de Literatura Oral que se veñen celebrando en Lugo desde 2008 dedicadas ao demo (2008), ao lobo (2009), á morte (2010) ás lendas urbanas (2011), aos mouros e ás mouras (2012), historias, mitos e monstros do mar de Galicia (2013), e aos amuletos e reliquias (2014). Colaborou en varias radios como RNE (Premio Certame Nacional de Artes e Tradicións populares do Ministerio de Cultura, 1987, por “O mal de ollo” programa emitido por RNE-Galicia), Radio Galega (serie Galicia Encantada, 2007-2008), escribe artigos en xornais e revistas como La Voz de Galicia, TVG (programa Visións), El Progreso, A Peneira, Xornal de Galicia, Galicia-Hoxe, Leer, Murguía, Fadamorgana, Culturas populares, Circular polo Saviñao, Croa, Boletín do Museo Prov. de Lugo… ou para outras publicacións como Manuel María (Ophiusa-Xermolos, 2001); Cultura tradicional e desenvolvemento rural (Xunta de Galicia, 2006); I Encontro Iberoamericano de Museos Pedagóxicos e Museólogos da Educación (MUPEGA, 2008); Actividades e recursos educativos dos Museos de Galicia (Toxosoutos-Nova Escola Galega, 2008)…

É autor de unidades didácticas para o MPLugo, colaborador habitual da Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte nas Ondas”. Participou en proxectos como Boas noites (2007), obra de teatro da compañía Berrobambán para o que elaborou a guía didáctica interactiva Pasamedos. Coordinou con Helena Zapico o monográfico “Literatura oral e educación” publicado na Revista Galega de Educación, nº 41, 2008. Participou en proxectos como La memoria de los cuentos (2009), libro e documental baixo a dirección de Antonio Rodríguez Almodóvar, Antropologías del miedo (2008), publicación coordinada por Gerardo Fernández Juárez e José Manuel Pedrosa, ou Queres que cho conte? (2011), proxecto de dramatización do conto oral de Palimoco Teatro coordinado por Paloma Lugilde. En 2014, xunto con Suso Barral e Gonzalo Abuín, crean o xogo ARDE LUDUS. O xogo do Lugo romano.

LIBROS

En coautoría co Equipo Chaira publicou Polavila na Pontenova. Lendas contos e romances (Deputación de Lugo, 1998) e Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín (Museo Prov. de Lugo, 2004). Con Fernando Arribas e Xoán R. Cuba a Guía do Museo Provincial de Lugo (Museo Prov. de Lugo, 2003). Participou con relatos nos libros colectivos Ninguén está só (Amnistía Internacional-TrisTram, 2001); Narradio. 56 historias no ar (Xerais, 2003); Contos para levar no peto (Xerais, 2001); Contos da Policía (Ir Indo, 2003); Contos de ogras, aventuras, baladas e piratas (Xunta de Galicia, colec. “Lagarto pintado”, 2006); Contos de medo no museo (Museo prov. de Lugo, 2000), Choven palabras no futuro (25 anos Gálix, 2014). É coautor con Xosé Miranda e Xoán R. Cuba de ensaios e libros de referencia como o Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1999 e 2003 en castelán), Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral (Xerais, 2001), Pequena mitoloxía de Galicia (Xerais, 2001); Antoloxía do conto de tradición oral (Xerais-La Voz de Galicia, 2001) e dos 20 tomos da colección de contos de tradición oral “Cabalo Buligán” (Xerais, 1998-2004)(I Premio Frei Martín Sarmiento 2003 polo tomo “Contos de parvos e pillos... Con Xosé Miranda escribiu Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo (Xerais, 2002), e os tomos 1 e 2 da colección “Lendas de Galicia” que levan por título Arrepíos e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror (Xerais, 2004) e A flor da auga. Historias de encantos, mouros, serpes e cidades mergulladas (Xerais, 2006). No campo da narrativa infantil foi Premio Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho (1989), Premio “Supernova” de Literatura Infantil e Xuvenil, concedido por Televisión Lugo (1999). É autor de títulos como Memorias dun raposo (Xerais, 1998-Premio Merlín, 1998 e Finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1999), Resalgario (Xerais, 2001-Premio Raíña Lupa, 2001), O galo avisado e o raposo trampulleiro (Xerais, 2003), Bacoriño (2004), A raposa no galiñeiro (Museo Prov. de Lugo, 2004), A noite dos pesadelos (Tambre, 2006), A escola de Briador (Everest, 2006), O polimacho e outras criaturas (Tambre, 2008), Os dous irmáns e outros contos populares do antigo Exipto (Morgante, 2008), Lu e Go pola muralla (Obradoiro, 2010).Síguenlle os álbumes ilustrados por Noemí López Guía ilustrada da Galicia invisible (Xerais, 2010) e Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal (Xerais, 2011) (Premio Fervenzas Literarias a Mellor Portada de LIX 2011). Os título máis recentes Cuentos y leyendas de Galicia (Anaya, 2012), ilustrado por Joaquín París; O aprendiz de home do saco (Xerais, 2013) con ilustracións de Marta Álvarez, como coordinador de edición, Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías (Xerais, 2015), e Lendo lendas, digo versos, en coatoría con Antonio García Teijeiro e ilustracións de Xosé Cobas.

PREMIOS

[1987] Gañador do Premio Manuel Mato Vizoso, (xunto a F. Arribas e X. R. Cuba), ex aequo, XIII edición, convocado polo concelllo de Vilalba (Lugo), por Cruces, cruceiros e petos de ánimas da bisbarra chairega.

[1987] Gañador do Premio Certame Nacional de Artes e Tradicións Populares para Prensa, Radio e Televisión, modalidade Radio, Ministerio de Cultura, por “O mal de ollo”, emitido en Radio Nacional de España.

[1988] 2º Premio no XXI Concurso Breogán de Contos convocado polo Centro Galego de Barakaldo, por Lemobrigo, mago druída.

[1988] Finalista (con Cristina Lombao) dos Premios Galicia de Xornalismo, polo programa “Os aventureiros” emitido por RNE en Galicia.

[1989] Gañador do Premio do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho, Asociación Cultural O Facho, A Coruña, por O sumidoiro calacarrúas.

[1989] 2º no Premio no XVIII Certame Literario Meigas e Trasgos, Sarria (Lugo), por A Promesa.

[1998] Gañador do XIII Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil de Edicións Xerais de Galicia por Memorias dun raposo.

[1999] Gañador do Premio Supernova de Literatura Infantil e Xuvenil, concedido por Televisión Lugo.

[1999] Finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil do Ministerio de Cultura por Memorias dun raposo.

[2000] Gañador do III Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, Deputación Provincial da Coruña, por Resalgario.

[2003] Lucense do ano 2002, concedido pola Asociación de Prensa, Radio e Televisión da provincia de Lugo.

[2004] Finalista do Premio Pura e Dora Vázquez de Creación Literaria, Excma. Deputación Provincial de Ourense, con A noite dos pesadelos.

[2005] Gañador do I Premio Frei Martín Sarmiento aos mellores libros do ano 2003 concedido pola Federación Española de Relixiosos da Ensinanza-Centros Católicos en Galicia (FERE-CECA Galicia) por Contos de parvos e pillos, escrito en colaboración con X. Miranda.

[2006] Premio de Comunicación da Asociación Cultural “María Castaña”, pola web Galicia Encantada.

[2013] Premio Irmandade do Libro (XXII edición), modalidade Fomento da Lectura, da Federación de Libreiros de Galicia, pola web Galicia Encantada.

[2015] Homenaxe a Galicia Encantada do Festival Atlántica.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE BIOGRAFÍA E OBRA:

-Galicia Encantada. Enciclopedia da fantasía popular de Galicia

-Caderno de Antonio Reigosa

[Setembro, 2015]