Anxos
Sumai

Catoira 1960.

Documentalista, tradutora e escritora. Nos anos oitenta e noventa colaborou en distintas publicacións periódicas e libros colectivos, realizou guións para cómics (revistas Valium diez e Das capital) e escribiu letras de cancíóns. Obtivo o premio Novos Valores da Narrativa Galega (1985) e o segundo premio no concurso Modesto R. Figueiredo de Narración Curta (1986).

Desde o ano 2001 desenvolve a súa actividade literaria no portal www.culturagalega.org, coas seccións semanais "Anxos e diaños" (2002), "Anxos da garda" (2003-2005) e "Crítica da memoria pura" (2006). Colaborou na Revista Guía dos Libros Novos coa sección fixa "Hemisferio Oeste" (2003-2004) e durante o ano 2006 foi colaboradora literaria semanal do programa Diario Cultural da Radio Galega. Entre os traballos de tradución salientan os Diarios de Syra Alonso e Tres tempos e a esperanza de Mariví Villaverde.

Como narradora publicou Anxos da garda (A Nosa Terra, 2003) e Melodía de días usados (Galaxia, 2005). Participou en libros colectivos como Pano de lona (Arquivo Pacheco, 2005), Fisuras no cotián. Nove narradoras no relato de Xénero (Casa da Parra, 2006); publica artículos e relatos en distintas revistas e xornais (Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, Abril, Interea, Praza das Letras etc.).

Colabora coa compañía de Teatro de Ningures co texto Deus está de vacacións, para a montaxe da obra Emigrados (2007).

En 2004 recibiu o Premio da Crítica de Galicia pola obra Anxos da garda. En abril de 2007 recibe o Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo literario e de Opinión polas seccións "Perigosamentes normais" do Diario Cultural da Radio Galega e "Crítica da memoria pura", publicada en culturagalega.org. En outubro de 2007 recibe o premio Repsol YPF de Narrativa Breve pola novela Así nacen as baleas.

Actualmente traballa como documentalista no Consello da Cultura Galega.

[novembro, 2007]