Raúl Dans (A Coruña, 1964)
Raúl Dans comenzou a súa carreira como actor na histórica Compañía Luís Seoane de A Coruña. É un dos integrantes do colectivo fundacional de intérpretes que iniciou a dobraxe en galego, oficio ao que se dedica sen interrupción desde 1985.
Protagoniza en 1988 “O mozo que chegou de lonxe”, unha produción do Centro Dramático Galego dirixida por Mario Gas, e abandona a interpretación teatral para formarse como dramaturgo e guionista, asistindo a seminarios e cursos impartidos por Sanchis Sinisterra, Víctor Erice e J.C. Carrière entre outros.
En 1993 irrompe na escena da escritura teatral galega con Matalobos (Premio Rafael Dieste para Textos Teatrais) e un ano máis tarde consegue o Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro con Lugar, que o Centro Dramático Galego pon en escena en 2000, con dirección de Antonio Simón.
Paralelamente, Raúl Dans desenvolve unha sólida traxectoria como dialoguista, argumentista e creador de series de ficción para a Televisión de Galicia –A miña sogra e mais eu, Pratos combinados, A vida por diante, Terra de Miranda, Pazo de familia…–, e recibe axudas institucionais para a redacción dos guións de longametraxe Fragmentos e Ás portas do paraíso.
En 2008 aparece todo o seu teatro breve nun volume titulado Nun mundo hostil, coincidindo coa edición de Nachtmahr, e dous anos máis tarde, en 2010, gaña de novo o Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro con Chegamos despois a unha terra gris, que ao ano seguinte acada o Premio de Teatro da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Con Unha corrente salvaxe logra por segunda vez o Premi Born de Teatre (2012), galardón que xa conseguira na edición de 1997 coa obra Derrota, que foi estreada por Argos Teatro en La Habana en 2011, dirixida por Edith Obregón.
En 2015 gaña o XXIV Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela coa obra As cancións que lles cantaban aos cativos, texto sobre a fin de ETA que explora os temas da culpa, o perdón e a redención.
[Novembro, 2016]