Luís
Celeiro

Luís Celeiro Álvarez (Samos -Lugo-, 25 de decembro de 1955) é licenciado en Ciencias da Información, na rama de Xornalismo, pola Universidade Complutense de Madrid, e doutor en Sociología e Ciencia Política, pola Universidade de Santiago de Compostela.

A súa actividade como xornalista comeza en A Nosa Terra (cando aínda era estudante), en 1978, logo foi director do semanario Tempo Galego, corresponsal en Galicia de Diario 16, colaborador de El Progreso, La Voz de Galicia, A Voz de Ortigueira, El Correo Gallego, O Correo Galego e Galicia Hoxe, xunto con outra serie de publicacións diarias e semanais.

No ano 1986, despois de dous anos na Administración Autonómica, como xefe do Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Cultura, incorpórase como xornalista ao cadro de persoal da Universidade de Santiago. No ano 1991 volve á Xunta de Galicia, para traballar como xefe do Gabinete do conselleiro, primeiro, de Relacións Institucionais e, despois, de Cultura. Xunto co conselleiro Vázquez Portomeñe foi un dos impulsores do Xacobeo 93.

En xuño de 1996 retoma a súa actividade na Universidade de Santiago, como director de Comunicación, na que foi profesor Asociado de Xornalismo, na Facultade de Ciencias da Comunicación. Do traballo que realiza na Universidade destaca, xunto coa acción práctica como xornalista, a actividade académica e investigadora, centrada no campo da Comunicación nas organizacións, tema sobre o que ten varias publicacións e a dirección dunha tese doctoral. No ano 1997 a Universidade encárgalle a dirección da súa publicación xornalística e, en novembro de 1999, a do diario dixital USC, que foi o primeiro xornal diario electrónico das universidades do Estado Español.

Ten escrito e publicado varios traballos no campo da literatura, un deles é o libro Fiz Vergara Vilariño, poeta nos Eidos da bremanza, co que gañou o prestixioso premio literario Ánxel Fole. No ano 2007, a S. A . de Xestión do Plan Xacobeo publica, en galego e castelán, o seu libro Elías Valiña, valedor do Camiño, un ensaio biográfico sobre o cura do Cebreiro, que, formando parte dun proxecto formativo da Universidade italiana de Cagliari, foi traducido ao italiano e editado pola editorial Bolanda.

Esáa considerado como experto no Camiño de Santiago, foi fundador da Asociación de Xornalistas e Estudiosos do Camiño de Santiago (APECSA) e director, nos últimos anos, de varios cursos de Verán da Universidade de Santiago de Compostela sobre a Comunicación e o Camiño.

Foi presidente do Instituto de Estudos da Comunicación (IECO), é membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, membro da Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela, membro da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), vicepresidente da Asociación de Xornalistas e Estudiosos do Camiño de Santiago (APECSA) e académico numerario da Academia Xacobea. Na actualidade é autor dun artigo semanal que publican os xornais El Progreso (Lugo), La Región (Ourense), El Correo Gallego (Santiago de Compostela), Diario de Pontevedra, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego (A Coruña).

Aquí poden consultarse referencias das súas publicacións no catálogo da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

[Febreiro, 2022]