Victorino
Pérez Prieto

Nacín o 18 de Outubro de 1954 en Hospital de Orbigo (León), no mesmo camiño de Santiago. Vin para Galicia cos meus pais polo San Martiño de 1961, porque o meu pai era veterinario e destinárono aquí. Pasei a miña infancia entre Présaras (Vilasantar, preto de Sobrado dos Monxes) e Boimorto, na provincia da Coruña.

No primeiro pobo fixen os estudios primarios. Tras do exame de ingreso, fixen o Bacharelato en Compostela (1965-71). Por eses anos estudiei tamén Debuxo e Pintura, cousa á que lle dediquei moito tempo ata mediados dos anos 70. Ao remate do Bacharelato iniciei os estudios de Arquitectura na Universidade de Valladolid. Anos conflictivos.

Logo vin de novo para Compostela para facer os Estudios Eclesiásticos no Seminario Maior de Santiago (1973-79), actualmente o Instituto Teolóxico Compostelán (ITC), onde fixen o Bacharel en Filosofía e Teoloxía. Aquí colleume a transición democrática, que vivín moi intensamente, participando na actividade de grupos galeguistas e nacionalistas. Fun ordenado sacerdote na diócese de Mondoñedo-Ferrol por D. Miguel Anxo Araúxo Iglesias en 1981. Estudiei tamén na Universidade Pontificia de Salamanca (1979-81), onde fixen a Licenciatura en Teoloxía cun traballo sobre a Xeración "Nós". Estes estudios completaríanse logo con cursos de Teoloxía e Sagrada Escritura na Universidade de Comillas en Madrid, e co Doutoramento en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca (UPSA); a miña Tese foi sobre a teoloxía interrelixiosa e intercultural de Raimon Panikkar, un mestre contemporáneo que se autodefine cunha cuádruple identidade: cristián, hinduísta, buddhista e secular, o que meu levou a mergullarme no pensamento oriental, sempre querido para min. Posteriormente fixen o Doutoramento en Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela.

Durante vinte e cinco anos, traballei de cura en parroquias rurais, mariñeiras e urbanas; de consiliario dos labregos do Movemento Rural e dos obreiros da HOAC, dirixín Retiros e Exercicios Espirituais e tiven outras actividades de tipo relixioso e cultural: formación de nenos, mozos e adultos, iniciación cooperativa, charlas e conferencias de todo tipo por Galiza e fóra de Galiza, sobre todo con temas relacionados coa relixión, a cultura galega... Fun profesor de Instituto no "I.E.S de Burela" (Lugo) e no INGBAD; profesor na Escola Diocesana de Teoloxía, etc. Logo din clases nas Universidades da Coruña e de Santiago. Estiven varios anos en Colombia de docente e investigador na Universidade San Buenaventura-Bogotá (profesor titular na facultade de Teoloxía e docente na de Filosofía) e, finalmente, fun docente na Universidade de La Salle-Madrid. Tamén organicei, dirixín e fun docente de cursos de verán na Universidade Menéndez Pelayo, etc. Xubileime no ano 2020.

Son membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega desde finais dos anos 80, do Seminario Galego de Educación para a Paz, da Irmandade Moncho Valcarce, da Asociación de Teólogos Juan XXIII, de Partenia au dela des frontières (Francia), de CIRPIT (Centro Interculturale Raimon Panikkar Italia), da Red Latinoamericana de Teólogos/as Amerindia (Colombia), da Red Iberoamericana de Estudiosos de Raimon Panikkar (RIAP) e doutras asociacións e colectivos.

Ademais, publiquei máis de vinte libros en galego: A xeración "Nós". Galeguismo e relixión (Vigo 1988), Galegos e cristiáns. (Vigo 1995), Do teu verdor cinguido. Ecoloxismo e cristianismo (A Coruña 1997), A Romaxe de Crentes Galegos (Santiago 1998), Con cordas de tenrura (Vigo 2000), Contra a síndrome N.N.A. (Non hai Ningunha Alternativa) (Vigo 2005) e Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía relixiosa en galego (Noia 2007). Obras de teatro (grandes e pequenas) para o Nadal (Madrid 2009), Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (Vigo 2010, 2ª ed. 2012), Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza (A Coruña 2010), Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación (A Coruña 2012), Prisciliano, um cristâo livre. O seu eco na cultura galaico-portuguesa (Santo Tirso-Braga 2017, 1ª e 2ª ed.) e A xeración “Nós”. No centenario da revista (Sada 2020).

Algúns destes libros foron traducidos logo e publicados en castelán: Ecologismo y cristianismo (Santander 1999) e Con cuerdas de ternura. Para un encuentro con el Dios de Jesús (Madrid 2002). Ademais, publiquei outras obras en castelán: Dios, Hombre, Mundo. La trinidad en Raimon Panikkar (Barcelona 2008), Más allá de la fragmentación de la teología. El saber y la vida: Raimon Panikkar (Valencia 2008) do que saíu a edición en italiano Oltre la fragmentazione del sapera e della vita (Milano 2011), La búsqueda de la armonía en la diversidad. El diálogo ecuménico e interreligioso desde el Concilio Vaticano II, (Estella-Navarra 2014), Espiritualidad ecológica. Una nueva manera de concebir a Dios y nuestra relación con él y con el mundo (Saarbrücken-Germany 2014), Diccionario panikkariano (Barcelona 2016).

Teño tamén colaborado en máis de corenta libros. En galego: O idioma da Igrexa en Galicia (Santiago 1989), Doce anos na busca da nosa identidade (Lugo 1991), O Ensino da lingua: por un cambio de rumo (A Coruña 1995), Manuel María (Lugo 2001), Homenaxe a Xosé Lois García (Barcelona 2006), Diálogos nun camiño da cultura Europea (A Coruña 2007), Ser Igreja (Lisboa 2007), Dicionario Enciclopedia de Pensamento Galego (Vigo 2008), O Pensamento Luso-Galaico-Brasileiro (Lisboa 2009)... Os últimos foron: Xosé Neira Vilas. Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe (2011), Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano (A Coruña 2011), Repensar a Teoloxía. Recuperar o cristianismo. Homenaxe a Andrés Torres Queiruga (Vigo 2012), Homenaxe a Balbino e a Neira Vilas (Vigo 2013), As mulleres nas artes e nas ciencias. Reflexións e testemuños (A Coruña 2013), Peregrinaçois espituis e turismo sacro. A Religião em Movimento (Braga 2014), Cerna de carballo. Xosé Manuel Carballo (Lugo 2015), O Padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade (Vigo 2015), Galegos Universais (A Coruña 2016), As Letras Galegas na Encrucillada. Estudos literarios en 40 anos da Revista (Lugo 2017), Moncho Valcarce. Un dos inesquecibles (A Coruña 2018).

En castelán: Proyecto Ensayo Hispánico. Ensayistas y Filósofos (Madrid 2011), Desafíos éticos para el post-acuerdo en Colombia, (Bogotá 2017), Budismo y cristianismo en diálogo (Bogotá 2018), Perspectivas sobre el pensamiento de San Buenaventura de Bagnoregio y otros estudios (Bogotá 2018), Los caminos de la libertad religiosa. Educación, participación ciudadana y cultura de paz (Bogotá 2019), Hacia una teología de la interioridad (Madrid 2019), Diccionario de Filosofia de Ferrater Mora (actualización, Girona 2020).

No campo xornalístico, teño publicado máis de mil trescentos artigos en xornais e revistas galegas, castelás e extranxeiras. Fun director da revista Irimia, "Revista de crentes galegos" entre 1981-1993, publicando nela numerosos artigos (esta publicación recibiu o Premio da Crítica de Galicia en 1996), e do Consello de Redacción da revista Encrucillada, "Revista galega de pensamento cristián", desde 1981, publicando nela numerosos ensaios (esta publicación recibiu o Pedrón de Ouro en 1992). E colaborador de varias revistas galegas (A Nosa Terra, Grial, Lumieira, Tempos, Guía de libros, Criterios, Ferrol-Análisis, Lucensia, Terra e Tempo, Sermos Galiza...). Tamén fun colaborador habitual, con artigos de opinión, dos xornais galegos El Progreso, Diario de Ferrol, La Voz de Galicia e Nós. Diario. Además, fun colaborador ocasional de algúns outros. Teño colaborado en revistas españolas (Vida Nueva, Alandar, Iglesia viva, El Prado, El Ciervo, Dialogal. Quaderns de l’ UNESCO, Alandar, Proyecto, Noticias Obreras...) e de fóra de España (Revista Theologica Xaveriana, Cuestiones teológicas e Actualidades Pedagógicas de Colombia; CIRPIT review e Complessitá de Italia...).

[Abril, 2011. Actualizado en Agosto de 2020]