nacín en bos aires, nunha zona do barrio de palermo na que, segundo di de pasada borges no seu evaristo carriego, comezaban a se instalar, alá polos finais do XVIII, os inmigrantes calabreses. a literatura traizooume e nun poema do meu libro lúa gris falo de casas xenovesas. pero de calabreses é que fala borges, e calabreses eran a maioría dos veciños, aínda que a familia da miña avoa viña dun sitio preto de roma.
a realidade é que nacín noutra parte de palermo, pero iso non fai parte da construción da memoria.
pouco despois mudámonos a outro barrio, "máis fermoso e distante". en coghlan crecín, mais a patria é palermo.
entre coghlan e o centro, onde fun ao instituto, e onde despois tamén traballaba, transcorreu o resto da miña vida porteña. e na zona norte. os últimos anos en bos aires estiveron moi marcados por "la manzana podrida" e despois "la zona", unha emisora clandestina de radio con dous nomes e, sobre todo, por toda a xente que circulaba arredor.
uns poucos anos antes comecei a escribir os meus primeiros relatos. foi no obradoiro literario de daniel arias. el puxo os primeiros ingredientes para convertir o lector apaixoado que era nun proxecto de escritor con máis persistencia que talento.
naquel obradoiro pasei catro ou cinco anos e del xurdiu o meu primeiro libro. foi un pouco iniciativa de todos. un tempo antes empurraramos a primeira aventura de diego muzzio e pouco despois os compañeiros convencéronme de que eu tamén podía. así, remexendo en toneladas de papel, facendo uso e abuso das tesouras e coa colaboración inestimábel de diego e mais de fernando tomasenía saíu Catedrales de perfil.
outra cousa memorábel daqueles tempos foi a tempada que pasei aprendendo música e composición con gustavo mozzi. el regou ben a semente tangueira que sementara ramiro gigliotti. con todo, a práctica da música téñoa abandonada (todo se andará), pero hai cores nos meus poemas que teñen algo que ver co que aprendín daquela.
creo que non pasaron catro meses dende que saíu Catedrales... e eu marchei de Arxentina.
a seguinte escala da viaxe foi caracas, onde vivín algo máis de cinco anos. marchei de buenos aires o 17 de outubro de 1990, e vivín en caracas ata o 9 de xaneiro de 1995.
a etapa venezolana ten un papel importante na miña aventura literaria. alí, coa colaboración fundamental de harry almela, aprendín moito e empecei a construír unha voz.
a finais de 1993 fixen unha viaxe iniciática. descubrín galiza, a súa lingua e a súa poesía. levei de regreso a caracas un par de antoloxías e dous libros de poemas que me regalaran a maiores.
un ano despois publiquei o meu segundo libro, ya tan deshabitado, e preparei unha tradución de catro poetas galegos: xavier rodríguez baixeras, xosé m. álvarez cáccamo, manuel forcadela e xela arias. os dous volumes publicounos harry almela na súa editorial la liebre libre.
á fin, en xaneiro de 1995 volvín cruzar o océano e instaleime definitivamente en galiza. primeiro na comarca compostelá e, despois, na coruña, en betanzos e novamente en compostela.
logo tomei contacto con dúas persoas que me amosaron a porta da lingua e mais da poesía galegas: rafa villar e marta dacosta e, algo despois, miro villar. antón lopo fíxome sitio na revista das letras e empecei a escribir en galego antes de falalo.
traducín a modo de exercicion un libro que traía escrito dende caracas. o resultado deu en só paxaros saíron desta boca.
miro e rafa villar teimaron para que mandase o libro ao concurso no que foi finalista. foi o meu primeiro premio literario, un accésit na convocatoria de 1997 do premio miguel gonzález garcés. non estivo mal para empezar.
mentres remataba a tradución de só paxaros... escribín o meu primeiro libro orixinal en galego: os veos da paisaxe. o libro publicouse en retagarda edicións e, posteriormente, na biblioteca virtual galega. en 2009 viu luz unha edición artesanal da man da colección bourel.
despois veu lúa gris na colección ablativo absoluto de edicións xerais. o libro foi finalista do premio tívoli europa, un premio que daban en italia ao mellor libro de poesía publicado por autor europeo menos de 35 anos.
a partir de alí houbo unha pequena paréntese até que un novo libro atopou o seu camiño: derrotas obtivo en 2002 o VI premio de poesía concello de carral. o libro publicaríao espiral maior en 2004.
quedaban dous libros no medio. un deles, caderno apócrifo da pequena defunta, levou no mesmo 2002 o XV premio de poesía eusebio lorenzo baleirón. publicouno ediciós do castro en 2003.
o outro, postais, escrito en colaboración con carolina erlich, publiqueino finalmente na miña páxina persoal en 2005. do mesmo xeito (e ao mesmo tempo) viu luz mapas para describir a ausencia.
a finais de 2005 un grupo de amigos e mais eu preparamos unha especie de antoloxía coral dos meus textos. titulouse itinerarios e publicárona conxuntamente o concello de santiago, a asociación de escritores en lingua galega e editorial compostela. acompañáronme na aventura estevo creus, marta dacosta, celso fernández sanmartín, maría lado, maría do cebreiro, antía otero, baldo ramos e rafa villar.
en 2006 iniciei a aventura "en construción". os primeiros pasos da construción dun libro de poemas postos nun escaparate para que a xente o vise e participase. estiven dez meses publicando o blog e retireime, despois, co material, para traballar en solitario. os froitos recollinos nun libro, construcións, co que me outorgaron (e despois quitáronme) o premio de poesía miguel gonzález garcés. o libro publicouse, finalmente, en edicións positivas. todo aconteceu en 2008.
tamén en 2008 iniciei a experiencia esca e pedra, unha seire de poemas escritos a partir de artigos da galipedia escollidos de xeito aleatorio e que se publicou semanalmente en culturagalega.org até maio de 2009. a páxina está actualmente fóra de liña pero estou xestionando algunha forma de resucitala.
en novembro de 2009, eli ríos e mais eu gañamos o 4º Certame de poesía erótica "illas sisargas" convocan a asociación Caldeirón e o Concello de Malpica polo libro rúa da cancela, que viu luz en 2010.
ese mesmo ano trasladeime a vivir a betanzos e, en 2011 regresei á comarca compostelá. a finais dese ano a editorial franouren publicou a miña tradución do ellis island de georges perec.
en 2014 iniciei o libro en construción "de baleas" que en 2017 viu luz en formato impreso.
en 2015 publiquei con ignacio castro "nachok" entrar na casa. un proxecto moi ilusionante que editou estaleiro e que hoxe está practicamente esgotado. sen tardar volverá revivir en forma dun proxecto dixital no que estamos traballando.
a entrar na casa seguiron:
de baleas (2017, caldeirón), un proxecto fermoso que incluía, ademais do libro de poemas, un comic feito en colaboración con tokio, un cd, con moitos amigos e amigas facendo música de baleas e unha balea de origami,
nós-dentro (2018, galaxia), un desafío persoal ao que teño moito cariño,
e [sen-fin] (2019, positivas), un libro que estaba tendo menos eco do esperado así que deseñamos co editor un proxecto de promoción e, cando estabamos a punto de comezar, veu a pandemia e parou todo.
en 2021 publiquei dúas cousas: un pequeno obxecto poético titulado as liñas do frío que viu luz grazas a NonOuEdicións (Estevo Creus e David Creus) e venecia abandonada, un libro-cd editado por positivas. o cd ten música veneciana do século xiv seleccionada, arreglada e interpretada por el grupo 1500 (andrés díaz, belén bermejo, pablo ruibal).
despois de que, por dicilo dalgún xeito, quedase claro que había quen quería falar da xeración dos 80 e da xeración dos 90, inventamos letras de cal, para publicar libros de autores inéditos ou case.
foi un proxecto ilusionante, que levou á rúa 14 títulos, e gañou un espacio relevante, coido eu, na edición de poesía galega. unha experiencia colectiva da que me sinto orgulloso.
tamén creamos retagarda edicións, pero o proxecto logo quedou durmido.
e en 2017 fíxenme cargo das edicións de caldeirón, o proxecto creado por paco souto e paco de tano en malpica. é unha aventura emocionante á que lle levo dedicado moitísimas horas destes últimos anos e que vai dando resultados bonitos.
desde hai xa non sei cantos anos traballo en equipos de desenvolvemento de software nunha empresa de consultoría tecnolóxica. gústame o que fago e dáme de comer, que é o que importa.
e en 2019 obtiven (tras uns anos de estudo) a miña habilitación de guía oficial de turismo de galiza pero despois veu a pandemia e os proxectos relacionados con este mundo quedaron aparcados. xa haberá tempo.
durante moitos anos coordinei obradoiros literarios. empecei con paco souto alá por 1996 e despois voei eu só (ou acompañado, segundo as circunstancias). dirixín obradoiros en varios centros de ensino de galiza, no centro sociocultural do ensanche en santiago, durante uns anos na biblioteca municipal das pontes e, entre 2001 e 2011 na biblioteca municipal de fene en colaboración con rosa aneiros, antía otero e dores tembrás. en 2009, tamén con antía, levei adiante unha nova experiencia de obradoiro de blogs de creación en colaboración co servizo de bibliotecas municipais da coruña.
en 2016 recuperei esta actividade cun obradoiro de lectura e escrita para nenos e nenas na biblioteca municipal das pontes e, en 2017, dous obradoiros para maiores: un nas pontes e outro na libraría compostelá chan da pólvora. son proxectos moi ilusionantes e divertidos.
a pandemia tamén tentou matar algúns destes pero reconvertímolos: co concurso de mario regueira e lorena souto en 2020 creamos tecedeiras, unha plataforma para facer obradoiros de escrita en liña. algún día tamén serán presenciais pero, polo de agora, estamos creando comunidades de escritoras e escritores que se conectan ás nosas sesións desde lugares ben diferenes do país e máis aló (é a grande virtude do formato en liña) e van construíndo as súas voces.
* A fotografía é de Fran Martínez.
[Xaneiro, 2022]