Naceu na Coruña en febreiro de 1958. Estudos universitarios de Matemáticas (1975-1978), Filoloxía Hispánica (1978-1983) e Filoloxía Galego-Portuguesa (1984-1986). Profesor de Ensino Medio entre 1983 e 1988. Doutor en Filoloxía Hispánica e profesor titular de Teoría da literatura e Literatura comparada na Universidade de Santiago de Compostela. Foi Profesor invitado da Université de Bourgogne, da City University of New York e da Universidade Nacional Mar del Plata.
A traxectoria académica das súas publicacións figura nunha web persoal da USC. Os campos fundamentais atendidos como investigador foron a obra de Rafael Dieste e os seus núcleos de acción cultural e política, o exilio republicano, as poéticas de resistencia, os estudos sistémicos e a socioloxía da cultura e a literatura, a poesía dos séculos XX e XXI e a metodoloxía da Historia literaria.
Foi membro fundador e primeiro director do Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes, (CIPPCE), constituído por oito grupos de investigación da USC. É membro do Comité de Coordinación da rede internacional Poetics of Resistance. Co Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) e o Consello da Cultura Galega activou a base de datos e repositorio dixital poesiagalega.org, centrado no estudo da poesía galega dos séculos XIX a XXI. Coordina grupos de traballo sobre poesía non lírica en perspectiva teórico-comparada e sobre a innovación da Historia literaria galega. É membro da Sección de Crítica literaria da AELG.
Nos anos noventa publicou tres libros de poemas: Sombra de unidade (1990), Pedra de Nadir (1995) e Momentum. Circungrafía (1997). De 2001 é o encarte "Dereito Natural". De 2011, Atrás, pasaxe. Autor dunha breve obra aforística aparecida en diversos medios. Tamén dalgún relato. Colaborou en traducións de poesía estonia, irlandesa e italiana. Entre setembro de 2008 e setembro de 2009 mantivo aberto o blogue Lándoas. Marxesdetexto. Unha escolma do alí escrito recóllese no volume Alusión. Efémeras lándoas (Vigo: Galaxia, 2011). Os dous últimos libros que publicou son Performing Poetry: Body, Place and Rhythm in the Poetry Performance (Amsterdam e Nova York: Rodopi, 2011, en colaboración con Cornelia Gräbner) e Resistance and Emancipation: Cultural and Poetic Practices (Oxford: Peter Lang, 2011, en colaboración con Ben Bollig).
[Outubro, 2011]