Yolanda
Castaño

Santiago de Compostela, 19 de abril de 1977.

Trasládase no ano 90 á Coruña, onde se licencia en Filoloxía Hispánica e realiza estudios audiovisuais. Foi Secretaria Xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega e formou parte da súa directiva durante varios anos, asimesmo, foi directora da Galería Sargadelos da Coruña.

Ademáis de poeta, é conferenciante, e tamén articulista semanal en varios medios escritos galegos á vez (a través da AGN e no Galicia Hoxe, entre outros). Foi guionista, dirixiu e presentou na TVE-Galicia o seu propio programa adicado ás vangardas artísticas galegas: "Mercuria", polo que foi galardoada co Mestre Mateo á "Mellor Comunicador/a de TV 2005". Ademáis de moitas outras colaboracións no medio audiovisual, actualmente é co-presentadora dun concurso de contido cultural que se emite de luns a venres na TVG.

Foi fundadora da revista Valdeleite e da editorial de poesía para novos valores Letras de Cal. Activa dinamizadora cultural, organizadora de ciclos de recitais poéticos, ten colaborado en numerosos medios de comunicación escrita, así coma en libros colectivos, antoloxías tanto galegas como estatais, congresos e infinidade de recitais dentro e fóra de Galicia, así coma no estranxeiro (Bélxica, Perú, EE.UU., Italia, Arxentina, Lituania, Nicaragua, Illas Madeira, Polonia ou Venezuela).

Ten impartido obradoiros de poesía, coordinado volumes colectivos, comisariado mostras de arte e de poesía, ten redactado prólogos, colaboracións escritas de todo tipo e un libro en verso para cativos/as, Punver. Fortemente interesada na fusión entre a poesía e outras linguaxes creativas, ten desenvolvido moi diversas experiencias misturándoa coa música, a plástica e o audiovisual, actividade pola que tamén foi premiada.

Unha tesiña sobre os seus primeiros libros foi presentada no 2002 na Universidade de Angers (Francia), e poemas seus foron traducidos ao castelán, catalán, francés, alemán, ruso, polaco, árabe e lituano.

[Novembro, 2016]