Xosé Benito
Reza

Nacín en Celanova (Ourense), vila na que unha vez asentado no meu traballo nunca abandonei e aquí forxei a miña familia.

Son enxeñeiro superior de montes pola Universidade Politécnica de Madrid e a miña vida laboral estivo dende o principio xunguida ao servizo público como funcionario da Xunta de Galicia.

A miña profesión e vocación xiraron sempre arredor da natureza, dos montes, da biodiversidade e da protección do territorio. Nestes eidos fun xefe do servizo de Medio Ambiente Natural e do servizo de Espazos Naturais Protexidos entre 1988 e 1999, e director xeral de Conservación da Natureza do goberno da Xunta entre 2005 e 2009. Dende aquela traballo no servizo de defensa contra incendios forestais de Ourense.

Dos traballos realizados nestes eidos valoro ter sido o promotor e director dos parques naturais da “Baixa Limia-Serra do Xurés” e do “Invernadoiro”, a creación da Aula da Natureza deste último parque por onde teñen pasado milleiros de nenos, e do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Rodicio, todos en funcionamento na provincia de Ourense.

Neses anos fun o redactor da Estratexia Galega de Conservación e Uso Sostible da Biodiversidade, coordinador da proposta da Rede Natura 2000 para Galicia, conselleiro do Consello Español da Federación de Parques Europeos (EUROPARC), e membro do Comité Nacional de Flora e Fauna do Ministerio de Medio Ambiente e da Comisión Nacional de Protección da Natureza.

Como director xeral de conservación da natureza puxen en marcha o Observatorio Galego da Biodiversidade, o Comité de Árbores Senlleiras, o Consello da Rede de Parques Naturais, o Programa de Camiños Naturais, a Reserva Internacional da Biosfera “Gerés-Xurés” da UNESCO, e promovín e redactei a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia 7/2008.

Dos meus devezos polos asuntos da paisaxe e da protección da natureza teño publicado: Vivir en Ancares, Consellería de Medio Ambiente, 2002-2003; O Macizo Central Ourensán, Caixa Galicia, 2009; ARNOIA. Biografía de un río y de una ribera, CHMS, 2012; e Os ríos da raia seca, CHMS, 2013.

E con outros autores: A Ribeira Sacra, Caixanova, 2001; Galicia 2020, Ir Indo Ed., 2001; Ribeira Sacra. Biodiversidade e Historia, Fundación Xermán Estévez, 2009; e Natureza e paisaxe do Courel no Congreso sobre Uxío Novoneira, RAG, 2011. E outras colaboracións e ensaios en revistas como A Trabe de Ouro e Arraianos.

Ademais da miña faceta como enxeñeiro de montes e naturalista, e quizais porque algo se me apegou logo de nacer e vivir nun lugar onde o mundo se chama Celanova, teño participado e colaborado na promoción e defensa da nosa cultura, historia, lingua e identidade en varios escenarios. Fun presidente do Seminario de Estudios Celanoveses, secretario do grupo Histórico-Arqueolóxico Larouco, secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixto e patrón fundador da Fundación Curros Enríquez de Celanova.

Destas inquedanzas vén a miña participación en obras colectivas como: Voz e Voto, Fundación Curros Enríquez, 1991; I Congreso Internacional: “Curros Enríquez e o seu tempo”, Consello da Cultura Galega, 2001; Un futuro para a lingua, Xunta de Galicia, 2002; Guía Literaria de Celanova, Padroado Curros Enríquez, 2007; A semente da nación soñada, Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, Xerais, 2008; En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova, Toxosoutos, 2010; Celso Emilio fai 100 anos, Asociación Arraianos, 2012; e Aquela Celanova, Flashback ediciones, 2014.

E saíron as miñas publicacións: Memorias do Pedal – O Camiño Portugués a Santiago, Ir Indo Ed.,1999; Celanova e o vento, con X.L. Méndez Ferrín, Ir Indo Ed., 1999; e as biografías de Manuel Curros Enríquez, Ir Indo Ed., 2001, e de Arturo Noguerol Buján, fundación Lois Peña Novo, 2003.

Finalmente en 2017 conseguín sacar do prelo grazas á editorial Xerais a miña primeira novela Terradentro, unha vella teima por trasladar ao papel o esmorecemento do mundo rural e a extinción da sociedade e da xente máis próxima a min, a xeito de thriller rural ou novela negra.

Recibín os nomeamentos de: “Xuíz Honorario do Couto Mixto” en 2004 e de “Arraiano Maior” en 2015. O ano seguinte 2016 concedéronme o premio “Ouro Azul” do Bosque Máxico que aglutina varias asociacións da comarca da Baixa Limia, e en 2018 gañei con Terradentro o premio Lousada Diéguez de creación literaria. No ano 1999 recollín como presidente do Seminario de Estudos Celanoveses o II Premio Francisco de Moure por conseguirmos a recuperación do coro gótico do mosteiro de Celanova.

[Xuño, 2018]