Teresa
Seara

Teresa Seara (Toén-Ourense, 1968) é doutora en Filoloxía Galega e Portuguesa (cunha tese sobre a poesía de Miguel Anxo Fernán Vello), profesora de ensino secundario e crítica literaria.

Publica, de forma habitual, artigos e recensións en medios galegos (A Nosa Terra, Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos, Tempos Novos, Grial, Boletín Galego de Literatura, Festa da palabra silenciada, Sermos Galiza, etc.) e foráneos (El invisible anillo, Serta, El Cielo de Salamanca, Liceus, Caravansari, Insula). Ten colaborado nos volumes colectivos Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, Guerra civil e literatura galega (1936-1939), Novos exercicios de estilo, Cinco impactos poéticos en ditadura, Presenza do poema, Cien años de poesía, Que lle podo ofrecer a quen me intente?, Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello, Lupe Gómez: libre e estranxeira, Letras escarlata, Xulio L. Valcárcel. Na patria dos días, Luísa Villalta. A poesía en que salvarse, Ar+arte_terapias alternativas e Luísa Villata, en concreto. Coordinou, xunto con Luciano Rodríguez, o libro Fraxilidade consistente que contén estudos sobre a obra poética de Eva Veiga.

É autora de Feros corvos (sobre o Batallón Literario da Costa da Morte) e de Constelación de voces (xunto con Carlos Lorenzo, sobre o Premio de Poesía Concello de Carral). Ocupouse da edición da poesía reunida de Xosé Luís Franco Grande en Un intre no tempo e tamén da edición póstuma de tres poemarios de Manuel Álvarez Torneiro: Clave de bóveda, Travesía del conocimiento e A vixilia do bosque.

Como antóloga, asina Para saír do século (xunto con Luciano Rodríguez), Poesía galega nova (revista virtual Enfocarte), Catorce voces gallegas del siglo XX (revista Reverso, Guadalajara-México) e Veinte puntos de fuga (Editorial El perro y la rana, Caracas-Venezuela) ademais de escolmas da obra poética de Miguel Anxo Fernán Vello (Astro interior e Antologia poetica -conxuntamente con Manuele Massini e publicada en Edizioni ETS, Pisa-Italia), de Francisco X. Fernández Naval (Memoria de abril) e de Eva Veiga (Ser en / To be in, que viu a luz en Arte Poética Press, Nova York).

No apartado de tradución, para alén de poemas soltos de Salvador García Bodaño, Xulio Valcárcel, Manuel Álvarez Torneiro ou Manuel María, realiza a versión ao castelán de Golpear de sombras e de Memoria de abril (ambas obras de Francisco X. Fernández Naval), de Os ángulos da brasa / Los ángulos de la brasa (poemario de Manuel Álvarez Torneiro), de Habitación del asombro (da autoría de Miguel Anxo Fernán Vello, conxuntamente con Isabel Pintado) así como dunha escolma e dun poemario de Eva Veiga, respectivamente, Ser en/ To be in e O que se volve raíz/ Lo que se vuelve raíz.

Ten sido redactora de diversas entradas no Diccionario de Literatura (Galaxia), colaborou nos tomos de literatura do Proxecto Galicia (Hércules Edicións) así como no proxecto EDI-RED (Instituto Cervantes). Escribiu numerosos prólogos para obras de, entre outros, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Álvarez Torneiro, Xavier Frías Conde, Emma Pedreira, Dores Tembrás, Modesto Fraga, Henrique Rabuñal, Rafa Villar ou Eva Veiga.

Así mesmo, textos creativos da súa autoría figuran nos volumes Rumbo ás illas, Versos & Formas e Santiago invisible.

Tamén participou durante dúas tempadas no programa da TVG Libro Aberto recomendando libros de poesía.

[Xuño, 2026]